O BNG ANALIZOU CON COLECTIVOS E ASOCIACIÓNS CAL VAI SER O FUTURO DO EDIFICIO DO HOSPITAL DE SAN XOSÉ

O BNG ANALIZOU CON COLECTIVOS E ASOCIACIÓNS CAL VAI SER O FUTURO DO EDIFICIO DO HOSPITAL DE SAN XOSÉ

Os nacionalistas reclaman que o edificio sexa cedido ao concello para que os espazos do edificio poidan ser utilizados por asociacións e colectivos

Esta xuntanza enmárcase dentro da campaña que o BNG está a realizar para evitar que este edificio perda o seu carácter público

Lugo, 14 de febreiro de 2013. Responsables do consello local do BNG e cargos institucionais mantiveron unha xuntanza con diferentes colectivos e asociacións para analizar cal pode ser o uso futuro do edificio que albergou o hospital de San Xosé. Ata agora houbo varias propostas de diferentes formacións políticas nas que se pretendía, entre outras, a entrega do edificio a grupos empresariais para a construcción dun hotel ou dun parador. O BNG propón que este espazo ten que seguir sendo de uso social e público, xa que se trata dun espazo privilexiado para estes fins. Alexandre Penas dixo que "é palpable a necesidade que os colectivos teñen de locais para desenvolver a súa actividade". Segundo Penas foron moitas as achegas e propostas que diferentes colectivos trasladaron ao BNG

Para o BNG compre abrir un debate social entre a cidadanía lucense sobre o futuro e os usos de este espazo. Con esta campaña o BNG toma a iniciativa sobre este espazo para garantir o seu uso público e promover que reverta nos lucenses e no movemento asociativo. O Consello Local do BNG acordou, no seu momento,  iniciar esta campaña para reivindicar a titularidade e o uso público do edificio que foi o hospital de San Xosé. O responsabel local do BNG dixo que "o edificio ofrece moitas posibilidades para instalar diferentes servizos e convertelo nun complexo multifuncional onde estean tanto servizos públicos de carácter social e cultural".

Algunhas das propostas de uso do edificio pasan pola creación de espazos para o tecido asociativo e a dotación de salas de uso multidisciplinar para o seu uso pola cidadanía. Os nacionalistas pretenden que todos as persoas e colectivos sociais, culturais e de diversa índole defendan a titularidade pública deste edificio que "é de todos os lucenses".  Alxe Penas lembrou que "houbo por parte tanto do PSOE como do PP iniciativas para vender ou ceder este espazo a distintas empresas para a súa utilización hoteleira ou incluso un Parador" e lembrou que "o edificio leva dous anos baleiro con custes de mantemento e sen ningunha rendibilidade social".

Cesión de edificios da Deputación ao Concello

O Hospital de San Xosé está sen uso desde xaneiro de 2011 e é propiedade da Deputación de Lugo. Tratase dun edificio construído no ano 1934 e cuxa parcela ocupa 21.564 metros cadrados, e o edificio do antigo hospital 10.447. O BNG plantexa que a titularidade do edificio debe de pasar a ser do concello. Pola súa banda a Deputación ocupa, por cesión, edificios propiedade do Concello onde ten ubicado diferentes servizos. Un destes casos é o complexo de edificios do antigo Hospital de Santa María, onde están ubicados o Centro de Artesanía e Deseño, o antigo Inludes, e outros servizos. Para o BNG o máis razonable sería "a permuta entre estes dous espazos entre o Concello e a Deputación, de maneira que o Concello asumiría o Hospital de San Xosé e a Deputación mantería as súas instalacións con titularidade propia.

O BNG ANALIZOU CON COLECTIVOS E ASOCIACIÓNS CAL VAI SER O FUTURO DO EDIFICIO DO HOSPITAL DE SAN XOSÉ