O BNG DE BARALLA RECLAMA O MANTEMENTO DAS AXUDAS AOS GANDEIROS CON PRODUCIÓN DAS RAZAS AUTÓCTONAS

O BNG DE BARALLA RECLAMA O MANTEMENTO DAS AXUDAS AOS GANDEIROS CON PRODUCIÓN DAS RAZAS AUTÓCTONAS

Xosé Manuel Becerra, voceiro do BNG en Baralla

ACUSA AO PP DE “FUNDIR” O RURAL CUNHA MEDIDA INXUSTA E AO ALCALDE DE “TRAGAR” CON ELA

Baralla, 19 de marzo de 2014. O BNG de Baralla presentou unha iniciativa no concello para reclamar o mantemento das axudas aos gandeiros e gandeiras do concello con produción das razas autóctonas en extensivo, que viñan recibindo desde o ano 2008 grazas a un programa posto en marcha polo BNG desde a Consellería de Medio Rural.

O BNG lembra que en 2008, a Consellería do Medio Rural que dirixía o BNG, sacaba unha liña de axudas dirixidas aos titulares de explotacións gandeiras  de razas autóctonas, cunha produción agraria máis acorde co medio natural e de calidade e que tiña unha especial incidencia en concellos do rural de Lugo, como era o caso de Baralla.

Así, a Consellería do Medio Rural e os titulares das explotacións gandeiras asumían durante cinco anos unha serie de compromisos: por unha banda os gandeiros comprometíanse a cumprir medidas relacionadas coa hixiene e sanidade animal, co axeitado mantemento da superficie agraria e coa promoción das razas autóctonas; e por outra, a Consellería comprometíase ao pago de ata 156 € por animal reprodutor.

O PP  “FUNDE” O RURAL CUNHA MEDIDA INXUSTA MÁIS

Dende que o PP asumiu o goberno galego comezou un constante recorte dos importes que viñan recibindo os labregos, recorte que no 2011 xa chegou ao 45% sobre a cantidade aprobada inicialmente.

E é agora, na campaña corresponde ao ano 2012 (que é a que aínda agora se vén de resolver), cando se “cunha medida máis se afoga aos nosos veciños e veciñas de Baralla”, afirmou Xosé Manuel Becerra. O voceiro municipal indica que o importe destas axudas reduciuse máis dun 75% e do total das 987 explotación que reuniron os requisitos no 2008 pasan agora a tan só 158.

SÓ 4 GANDEIROS DE BARALLA VAN RECIBIR A AXUDA

Os nacionalistas de Baralla fan fincapé no caso de Baralla, concello no que  son 35 os gandeiros aos que a Xunta do PP lles retira totalmente a axuda coa escusa de falta de fondos.

Ademais doutros 7 casos aos que se lles denega por non teren a condición de beneficiario no 2008 e outros cinco casos por outras razóns. Ao final só son 4 gandeiros, tan só 4, os que reciben a axuda, é dicir, tan só un 8,5 % do total das solicitudes. Para Becerra esta medida demostra claramente “o abandono do PP e da Xunta de Feijoo polo rural de Lugo”. O voceiro nacionalista pregúntalle ao alcalde se “É así é como o PP quere que se manteña a poboación no rural?”

Os nacionalistas inciden na redución de ingresos da explotacións e por extensión do propio concello, redución que ten repercusión en toda a economía local.

Por iso, é preciso que a Xunta rectifique e lles manteña a axuda aos gandeiros e gandeiras que cumpriron cos requisitos e se quere apostar polo rural de Lugo e en concreto polo de Baralla, que amplíe a liña de axudas a aqueles gandeiros e gandeiras que non entrando na convocatoria do 2008 si cumprirían agora cos requisitos establecidos.

O BNG DE BARALLA RECLAMA O MANTEMENTO DAS AXUDAS AOS GANDEIROS CON PRODUCIÓN DAS RAZAS AUTÓCTONAS