O BNG CHAMA AOS LUCENSES A CONCENTRARSE EN CONTRA DA VENDA DE NCG

O BNG CHAMA AOS LUCENSES A CONCENTRARSE EN CONTRA DA VENDA DE NCG

Mario Outeiro pide a Feijóo que asuma a súa responsabilidade na desaparición do sistema financeiro do País e recoñeza que mentiu aos galegos cando prometeu unha caixa galega e solvente

Lugo, 1 de decembro de 2012. O BNG convoca a todos os lucenses, especialmente aos afectados pola estafa das participacións preferentes e por un proceso de desafiuzamento, a que participen na concentración prevista para o luns, 4 de decembro, ás 12:00 horas, diante da sucursal de NovaGaliza (NCG) Banco, situada ao fondo da Praza Maior de Lugo, para amosar o rexeitamento cara á venda desta entidade bancaria.

Mario Outeiro, responsábel da formación nacionalista na comarca de Lugo centro, insiste “na importancia de escenificar o malestar do pobo ante o desmantelamento do sistema financiero galego e das graves consecuencias que isto suporá, principalmente, milleiros de despedimentos en todo o País e o incremento das dificultades das PEMES galegas para acceder ao crédito”.

“O Goberno do Estado – asegura Outeiro – está obsesionado con salvar á banca esquecendo que a súa prioridade debe ser satisfacer as necesidades dos cidadáns, máis nun momento como o actual, de extrema gravidade. Rajoy salva á banca co diñeiro do pobo pero é incapaz de garantir que os afectados polas participacións preferentes cobren integramente os seus aforros e de cambiar a lei hipotecaria para evitar o drama dos desafiuzamentos. Estamos ante un Goberno desnortado e incapacitado para tomar medidas que favorezan o crecemento económico dende unha perspectiva social”.

Dende o BNG de Lugo pídese aos veciños e veciñas da comarca que "digan NON ao espolio do aforro galego e que reclamen que os buracos da banca os paguen os banqueiros e non os cidadáns como pretenden dende Bruxelas coa complacencia do presidente do Goberno do Estado e o presidente da Xunta, quen debe dar explicacións sobre o que está a suceder cos aforros dos galegos e das galegas e recoñecer que durante a campaña electoral mentiu a todo o País prometendo unha caixa galega e solvente" -concluíu Mario Outeiro.

O BNG CHAMA AOS LUCENSES A CONCENTRARSE EN CONTRA DA VENDA DE NCG