GALIZA NON PODE SEGUIR PERMITINDO O ESPOLIO DOS AFORROS DOS SEUS TRABALLADORES
O BNG mobilizouse diante da oficina de NCG Banco na Praza Maior para denunciar as graves consecuencias que terá para a economía de Galiza a restruturación de NCG que desaparición do sistema financeiro galego e o despedimento de máis de 2.500 traballadores e traballadoras en todo o País
Bancos e banqueiros son rescatados a costa do desmantelamento da sanidade e a educación públicas e da Dependencia afirma Mario Outeiro
Lugo, 3 de decembro de 2012. Unha delegación de cargos orgánicos e institucionais do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Lugo, encabezada polo responsábel comarcal, Mario Outeiro, participou, esta mañá, nunha concentración diante da oficina de Novagalicia Banco (NCG) da Praza Maior de Lugo, para amosar o seu rexeitamento á venda da entidade bancaria que suporá a desaparición do sistema financeiro galego e o despedimento de máis de 2.500 traballadores e traballadoras en todo o País, nun acto simbólico que se espallou por toda Galiza de xeito simultáneo.
Galiza afirma Mario Outeiro- perderá o instrumento financeiro que logrou co aforro esforzado de xeracións de galegos e galegas e que agora, a consecuencia da nula xestión dos gobernos central e autonómico, está a piques de desaparecer ao ser vendido a custe case cero a un banco privado sen arraigo na nosa terra.
Para os nacionalistas a banca española é rescatada a costa dos recortes sociais en servizos públicos básicos como a sanidade, a educación ou a dependencia. Situación que se agrava despois de coñecer como a pesar de ser rescatada con diñeiro público, néganse a devolver o diñeiro que estafou aos aforradores galegos coas participación preferentes e dificulta o acceso ao crédito ás medianas e pequenas empresas e ás familias.
Mentres milleiros de familias son desafiuzadas, teñen a todos os seus membros en paro e viven da beneficencia, os directivos das entidades financeiras continúan a cobrar indemnizacións millonarias por levarnos á bancarrota sentencia o responsábel comarcal.
Para Mario Outeiro o que está a suceder con NCG Banco é unha mostra máis da inmoralidade do Partido Popular cuxo líder en Galiza e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou en repetidas ocasións, que NCG non sería liquidada tras os comicios do 21-O. Unha vez máis queda en evidencia a súa capacidade para mentir a todos os galegos e galegas.
Dende o BNG de Lugo chaman a todos os veciños e veciñas a que continúen dicindo non ao espolio do aforro galego e reclamando que os buratos da banca os paguen os banqueiros e non o pobo.