O BNG COLABORA NA RECOLLIDA DE MATERIAL SANITARIO PARA O POBO PALESTINO NA CAMPAÑA “GALIZA CON GAZA”

O BNG COLABORA NA RECOLLIDA DE MATERIAL SANITARIO PARA O POBO PALESTINO NA CAMPAÑA “GALIZA CON GAZA”

IMG_5620Está organizada xunto coa Asociación galaico-árabe Yenin-comunidade palestina e a Fundación Araguaney e conclúe o 10 de setembro

O material pódese entregar na sede do BNG en Lugo ou nas farmacias colaboradoras

Lugo, a 3 de setembro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego anima participar na campaña “Galiza con Gaza, mobilízate pola reconstrución e contra a agresión ao pobo palestino” que pretende a recollida de material sanitario, o boicot aos produtos israelís e a mobilización social e cidadá para denunciar este masacre. Esta campaña foi presentada en Lugo pola responsábel comarcal do BNG, Esther López, que sinalou “dende o BNG temos claro quenes son as vítimas deste conflito e quenes son os verdugos”.

En concreto, nos locais do BNG estanse a recoller medicamentos e material sanitario como vendas, gasas, elementos para sutura e curas, material protésico, antibióticos, analxésicos, betadine, esparadrapo, luvas estériles, cueiros e leite en po, entre outras necesidades que trasladou a comunidade palestina. Esta campaña, que leva operativa todo o verán en colaboración coa Asociación galaico-árabe Yenin-comunidade palestina e a Fundación Araguaney, conclúe o 10 de setembro.

IMG_5615

O BNG insta ademais ao boicot aos produtos israelís, a través do rexeitamento daqueles que teñan etiquetas que indiquen esta procedencia, como todas as que comezan cos números 729 no seu código de barras. Estas accións, xunto coa edición e distribución de material divulgativo, compleméntase coa mobilización social e cidadá nas rúas, nas redes sociais e en charlas para expresar a solidariedade co pobo palestino e denunciar o masacre que, de maneira reiterada, está a causar o Estado de Israel.

Esta última ofensiva tivo como resultado máis de 2.000 persoas asasinadas, máis de 10.000 feridas e a destrución de casas, escolas, edificios e infraestruturas. Este masacre continúa o proxecto de xenocidio do pobo palestino imposto polo Estado de Israel para afogar as súas lexítimas reivindicacións, nun contexto en que os gobernos occidentais miran para outro lado, cando non alimentan directamente un estado que incumpre reiteradamente a lexislación internacional.

“Palestina só precisa que se cumpra o seu dereito á autodeterminación e ao retorno despois da ocupación ilegal de territorios gañados, unha e outra vez, nunha prolongada guerra de agresión”, recolle o material divulgativo do BNG. “Con todo, o pobo palestino resiste e é moi importante que continúen o compromiso e a denuncia internacionais, ao tempo que precisa toda a nosa axuda para reconstruír as consecuencias da barbarie”, indícase na publicación editada ao abeiro da campaña “Galiza con Gaza”.

O BNG COLABORA NA RECOLLIDA DE MATERIAL SANITARIO PARA O POBO PALESTINO NA CAMPAÑA “GALIZA CON GAZA”