O BNG CONVIDA AOS VECIÑOS E VECIÑAS DE LAMAS DE PRADO A ASISTIR AO PLENO DO CONCELLO

O BNG CONVIDA AOS VECIÑOS E VECIÑAS DE LAMAS DE PRADO A ASISTIR AO PLENO DO CONCELLO

IMG_7479O BNG defenderá unha moción reclamando maior limpeza, eliminación de barreiras arquitectónicas, maior coidado das zonas verdes e un plan especial de intervención

Paz Abraira dixo que “queremos que a xente saiba que a súa mobilización é importante para facer do seu barrio un sitio mellor”

Lugo, 25 de febreiro 2015. O BNG realizou unha acción informativa no barrio de Lamas de Prado, o Castiñeiro e na zona da Abella para convidar a todas as persoas interesadas a asistir ao pleno municipal do vindieiro luns, 2 de marzo. Participou, tamén, o candidato do BNG-Asambleas Abertas Rubén Arroxo. Os nacionalistas presentaron unha proposición reclamando a realización e desenvolvemento dun Plan de Acción Integral do barrio de Lamas de Prado e Abella. Paz Abraira sinalou que “é fundamental a implicación da xente” e engadiu que “queremos que a xente saiba que a súa mobilización é importante para facer do seu barrio un sitio mellor”.

Recentemente foron trasladadas ao BNG queixas dos veciños e veciñas xa que non houbo respostas concretas por parte das distintas concellerías para facerlle fronte ás situacións que se crean no día a día deste barrio da nosa cidade.  Abraira lembrou que “o BNG reclamou en múltiples ocasións a realización de programas específicos de atención a esta zona da cidade, que por ser barreira entre a zona urbana e a non urbanizada da zona da Abella ten características s que requiren accións específicas que este concello non desenvolve”.

Para o BNG é necesaria unha actuación decidida para abordar todos os problemas detectados. A voceira do BNG sinalou que “hai que deseñar, dende a Área de Benestar Social, un Plan cuadrienal de actuación comunitaria no distrito de Lamas de Prado dirixido por profesionais do Concello en colaboración coa poboación, comunidades de veciños e asociacións  para mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Compre tamén un plan de limpeza específico para esta zona da cidade consistente por un lado na eliminación de vertedoiros incontrolados e no incremento da limpeza viaria.

Outra das necesidades salientadas polo BNG é a realización dun plan de mellora viaria que inclúa a rehabilitación integral das beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas e mantemento adecuado de todo o mobiliario urbano. Os nacionalistas reclaman tamén “a posta en marcha dun programa de atención ás zonas verdes do barrio que inclúa a análise do estado do arborado e a aplicación de medidas fitosanitarias adecuadas que permitan o uso do mobiliario urbano e a minimización das molestias aos veciños das vivendas máis próximas a dito arborado.”

Outra das demandas veciñais, que o BNG trasladará ao pleno da corporación, será para reclamar que a Patrulla Verde realice un informe sobre o estado das parcelas (edificadas ou non) que non estean desbrozadas e limpas e comunicación a todos os propietarios afectados da súa obriga de realizar labores de mantemento na súa propiedade. Os nacionalistas pedirán que se, nestes casos, se aplique a Ordenanza correspondente con todas as medidas legais necesarias.

O BNG CONVIDA AOS VECIÑOS E VECIÑAS DE LAMAS DE PRADO A ASISTIR AO PLENO DO CONCELLO