“QUEREMOS UN LUGO QUE FUNCIONE” DIXO RUBÉN ARROXO

“QUEREMOS UN LUGO QUE FUNCIONE” DIXO RUBÉN ARROXO

IMG_7516 “A gran aposta medioambiental do PP e do PSOE para o entorno do Miño é a instalación dunha gasolineira” sinalou o candidato do BNG – Asambleas Abertas

Rubén Arroxo presentou as liñas programáticas que emanaron das xuntanzas abertas mantidas durante o mes de febreiro para a elaboración do programa electoral

Lugo, 27 de febreiro 2015. Todas as persoas que conforman o primeiro tramo da candidatura do BNG-Asambleas Abertas compareceron hoxe, nas inmediacións do barrio da Tineria, para presentar las liñas xerais da proposta programática de cara ás vindeiras eleccións municipais. Arroxo dixo que o abandono desta zona da cidade “reflexa a situación de degradación do actual goberno municipal e do desgoberno que sufre o concello de Lugo”. Arroxo dixo que “temos que poñer Lugo a funcionar” e mudar as políticas caducas do PP e do PSOE representados por dous candidatos que son “auténticos dinosauros na política lucense”.

Arroxo explicou que “durante o mes de febreiro mantivemos unha serie de xuntanzas abertas co obxectivo de  elaborar o mellor programa para executar neste concello durante o vindeiro mandato”. O candidato do BNG – Asambleas Abertas explicou, referíndose ao barrio da Tinería, que “escollemos este lugar para amosar cal é a situación de abandono na que se atopa o concello de Lugo” e engadiu que “este é o barrio da Tinería, un barrio que se comenzou a rehabilitar cando estivo o BNG no goberno da Xunta de Galiza e unha rehabilitación que se viu truncada no momento da chegada do PP ao goberno da Xunta”. “Co proxecto de rehabilitación e rehabitación da Tinería estaba prevista a creación de postos de traballo, a posta en valor do casco histórico, a recuperación do noso patrimonio e proxectar os atractivos turísticos da cidade” .

IMG_7505“Queremos un Lugo que funcione e apostamos por un goberno municipal que traballe pensando en Lugo” afirmou Arroxo que tamén falou da necesidade de coidar o entorno da Muralla e de adecentalo pois “a visión que temos dende ela non está, nin moito menos, á altura”. Rubén Arroxo exemplificou o desastre que supuxo o abandono nos plans de rehabilitación sinalando o Pazo de Dona Urraca. Para o BNG tamén “é outro exemplo, da falta de xestión do goberno municipal, a parálise na que se atopa o barrio do Carmén”. Arroxo lembrou que “tanto pola Tinería como polo barrio do Carmen pasa o camiño primitivo que é un dos grandes afluentes de visitantes á nosa cidade”.

Unha concello para as persoas dándolle vida ao rural

Rubén Arroxo dixo que “apostamos por unha cidade para as persoas, onde os nenos poida xogar e as persoas pasear con tranquilidade, unha aposta que se ten materializar cunha mellor xestión do transporte público e un incremento do uso da bicicleta”. “Queremos unha cidade con menos coches e accesible para as persoas por eso precisamos unha organización do transporte público á altura do século XXI” concluíu o candidato do BNG-Asambleas Abertas. Para a candidatura nacionalista compre potenciar o medio rural do noso concello. Arroxo lembrou que “Lugo ten 54 parroquias e nelas existen posibilidades de asentar persoas e xerar emprego, pero para iso precisamos un equipo de goberno que crea nas potencialidades do rural e que traballe con convicción para que esto sexa posible”.

A aposta polo río Miño e política impositiva progresiva.

Segundo Rubén Arroxo, na actualidade, o concello de Lugo carece de política medioambiental “e vemos o que está a suceder co río Miño”. “Temos un fermoso entorno do Miño con sendeiros e zonas arboradas que podería acoller perfectamente unha zona pública de baño pero a gran aposta do PP e do PSOE é a instalación dunha gasolineira ao seu carón” afirmou Rubén Arroxo. Para o BNG compre aplicar políticas que fagan do río un eixo de vida para cidade “como lugar de lecer e atractivo turístico xa que é unha das zonas máis privilexiadas do concello”. Arroxo indicou que “dende o BNG – Asambleas Abertas, temos claro que compre a implantación de impostos progresivos para que pague máis quen máis ten” xa que “os ingresos xerados polas taxas e contribucións teñen que permitirnos ofertar uns servizos sociais de calidade para cubrir as necesidades da xente que máis o precisa”.

Óptica de xénero e visión transversal da cultura do país

“Con óptica de xénero, así temos que abordar cada cuestión que se faga dende o goberno municipal” dixo Rubén Arroxo e sinalou que  “non é suficiente con facer un acto o 25 novembro para defender a igualdade ou un acto cultural o 17 de maio para decir que se traballo pola cultura galega”. Arroxo dixo, tamén,  que “dende o goberno municipal debe manterse un respecto pola cultura do país os 365 días do ano, por que debemos ter unha visión transversal da cultura do país no día a día da xestión municipal”.

Modelo Pontevedra

Nos non falamos en baleiro Lugo ten un espello en que mirarse como é a cidade de Pontevedra gobernada polo BNG. Esta mesma semana acaba de ser premiada co máximo premio ao que pode optar unha cidade como é o premio Hábitat da ONU e que o rexedor pontevedrés, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, recolleu en Dubái. “Ese é o espello no que o BNG se vai mirar para facer de Lugo un concello mellor” dixo Arroxo e engadiu que “non imos mirar, como fará o PP, para o concello de Santiago con 3 alcaldes en 3 anos e toda unha corporación imputada”.

“QUEREMOS UN LUGO QUE FUNCIONE” DIXO RUBÉN ARROXO