O BNG DEFENDE A CULTURA E O DEPORTE COMO BASE DO BENESTAR DUNHA SOCIEDADE E A SÚA IMPORTANCIA SOCIAL
O BNG xuntouse a tarde de onte co tecido asociativo, deportivo e cultural, no centro Maruja Mallo de Lugo para analizar as principais problemáticas que está a sufrir o deporte de base galego tralos recortes da Xunta de Galiza
Nesta xuntanza participou responsábel comarcal do BNG de Lugo, Mario Outeiro, e os concelleiros lucenses Antón Bao e Paz Abraira, xunto ao responsábel local do BNG en Lugo, Álex Penas, quen expuxeron a liña política do BNG, que pasa por unha férrea defensa do asociacionismo cultural e o deporte de base afirmou Outeiro
Lugo, 20 de marzo de 2013. O BNG xuntouse a tarde de onte cos representantes do tecido asociativo e cultural da cidade no centro Maruja Mallo nun encontro que tivo como finalidade trasladarlle as principais propostas da política cultural e deportiva do BNG aos clubs e asociacións lucenses e recoller, ao mesmo tempo, as súas demandas e carencias.
Nesta xuntanza participou o responsábel comarcal do BNG de Lugo, Mario Outeiro e os concelleiros lucenses Antón Bao e Paz Abraira, xunto ao responsábel local do BNG en Lugo, Álex Penas, quen expuxeron a liña política do BNG, que pasa por unha férrea defensa do asociacionismo cultural e o deporte de base afirmou Outeiro. Tal e como sinalou Mario Outeiro, desde o BNG temos claro que a cultura e o deporte son dous piares do benestar dunha sociedade, ademais de ser dous sectores importantísimos para o noso país desde o punto de vista social e económico. Por iso realizamos estes encontros, para poñer en común as nosas ideas e tamén para coñecer as principais problemáticas que afectan ao asociacionismo cultural e deportivo. Por iso ollamos tamén con moita preocupación, unha preocupación que comparten os clubs e asociacións de base, a retirada de liñas de axudas destinadas á promoción deportiva e cultural para os colectivos por parte da Xunta de Galiza. En concreto, a Xunta retirou as axudas destinadas ao asociacionismo cultural que xa tiña convocadas para 2011 e parte de 2012, nunha chafallada de decreto, e que aínda por riba de eliminalas só estarían dotadas con 300.000 euros para toda Galiza, unha cantidade irrisoria.
Segundo explicou Mario Outeiro, o BNG ten fixado no seu ideario unhas prioridades claras, apostando por lo deporte que teña en conta tanto a súa vertente, educativa, de promoción do deporte base e da actividade física saudábel, como o ámbito competitivo, impulsando a actividade profesional deportiva de alto nivel en Galiza. Así as cousas, o BNG desde as institucións onde ten responsabilidades de goberno, como concellos ou a Deputación de Lugo, aposta claramente polo afortalamento do deporte de base en todas as súas modalidades e disciplinas, apostando tamén por prácticas deportivas minoritarias (termo que daría para moito debate porque hai disciplinas minoritarias en repercusión mediática pero que en número de practicantes suman milleiros de licenzas), e por unha concepción do deporte como unha parte fundamental do benestar das persoas.
Por outra parte, afirmou Outeiro, para o BNG a cultura é unha ferramenta esencial para a cohesión e a transformación social e o fortalecemento da consciencia e a identidade nacional. O BNG acredita nunha cultura galega viva, con intención formadora no persoal e transformadora no social, que estimule a participación cidadá, apoie a creación artística, visibilice a nosa produción cultural e actúe como elemento de dinamización e vertebración territorial, social e económica do noso país. Por iso cremos firmemente no asociacionismo de base, o xerme e motor da cultura no noso País, algo que sen dúbida se ve referendado polas políticas que o BNG executa alá onde goberna. É tamén por isto onde o noso ideario choca frontalmente coa política cultural do PP: dende a chegada do Partido Popular á Xunta de Galiza no 2009, o orzamento dedicado a cultura foi minguando ano tras ano; paralizáronse as redes de programación cultural, rachouse o diálogo cos representantes do sector, atacouse o idioma propio cun decreto que o marxina e incluso a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) estivo sen xerente preto de medio ano. Todas estas circunstancias describen unha situación dramática para a cultura galega, algo que recoñece o propio Consello da Cultura Galega nun dos seus informes, e que se agrava progresivamente pola falta de vontade do Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo para buscar solucións. Non se explica doutro xeito o recente nomeamento de Jacobo Sutil Nesta como director do AGADIC, unha persoa que, como el mesmo destacou na súa toma de posesión, non está vinculada ao mundo da cultura e das artes.