O BNG PIDE A RETIRADA DA MEDALLA DE OURO DA DEPUTACIÓN AO EX DIRECTOR XERAL DE CAIXA GALIZA
Outeiro asegura que quen codirixiu e coparticipou no roubo dos aforros de milleiros de galegos a través das participacións preferentes non pode merecer dita distinción
O portavoz nacionalista acusa á Xunta de pasotismo fronte ao maior escándalo financeiro da historia do país
Non entendemos por que se xera tanto escándalo coas condicións do rescate a Chipre cando en Galiza hai máis de 2 mil millóns de euros atrapados en preferentes
Lugo, 21 de marzo de 2013. O Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego defenderá, no vindeiro pleno da Deputación, unha moción na que se solicita a retirada das honras outorgadas pola institución ao ex director xeral de Caixa Galiza, José Luis Méndez López, tras a súa neglixente xestión ao fronte da citada entidade.
Así o explicou o portavoz nacionalista, Mario Outeiro, quen puntualizou que a Deputación outorgoulle en 2003 a medalla de ouro, máxima distinción concedida polo ente provincial, ao considerar que a entidade financeira que dirixía Méndez López aportaba a Lugo, vía impostos e a través da Obra Social, importantes recursos para o financiamento de proxectos e convenios de colaboración.
Non se pode permitir afirmou Outeiro- que unha persoa que sobreendebedou a entidade que dirixía pola súa sobreexposición ao sector inmobiliario, que ademais é corresponsábel do deseño e comercialización das participacións preferentes coas que milleiros de galegos e galegas foron estafados e nas que teñen os seus aforros atrapados e que, en plena crise económica, percibiu unha cuantiosa xubilación, goce de tan importante distinción; non é merecedora dela nin de todo o que a medalla de ouro da Deputación supón para todos os lucenses.
Dende o Grupo Provincial do BNG entenden que Méndez é hoxe aínda menos merecedor desta honra ca onte; xa que estamos a unhas horas de que o Goberno do Estado dea a coñecer cal será a quita que se aplicará aos aforros dos afectados polas participacións preferentes. Máis que unha quita é un roubo. Con independencia da porcentaxe que se decida, o resto dos aforros converteranse en accións dunha entidade que está arruinada e que valen menos de cero. E non podemos esquecer que a esta situación chegouse, en parte, grazas ao ex director de Caixa Galiza.
Mario Outeiro denunciou, tamén, o cambio de postura do Partido Popular na busca de solucións para o que é o maior escándalo financeiro da historia de Galiza e acusa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de manipular aos galegos e ás galegas estafados polas participacións preferentes colocadas polas antigas caixas prometéndolles solucións que non chegan. Neste senso insistiu en que o pasotimo do Goberno galego cara este roubo ao pobo chega até tal punto de que o número de arbitraxes diarios durante a campaña electoral das últimas eleccións galegas era, aproximadamente, de 250, e tras o remate da mesma as arbitraxes reducíronse até entre 10 e 20 ao día.
Non entendemos conclúe o portavoz nacionalista- por que se xera tanto escándalo coas condicións do rescate da Unión Europea a Chipre cando no noso país hai 2 mil millóns de euros atrapados en participacións preferentes.