O BNG demanda un xulgado específico de violencia de xénero para Lugo
Cosme Pombo incluirá unha emenda aos orzamentos da Xunta para que se contemple a partida suficiente para cubrir esta necesidade
A edil Maite Ferreiro destacou o repunte de casos de violencia machista que se está a dar no concello de Lugo e nas comarcas limítrofes
Lugo, 17 de novembro de 2015. O BNG presentará unha emenda aos orzamentos da Xunta do vindeiro ano para que se contemple a partida necesaria para dotar a Lugo dun xulgado específico de violencia de xénero. Cosme Pombo salientou que nin Lugo nin os xulgados da contorna contan con este servizo moi necesario a día de hoxe. Pombo dixo que Lugo segue estando abandonado pola Xunta e agardamos que nesta ocasión atendan a proposta do BNG para cubrir esta necesidade.
Nos xulgados de Lugo non existe, a día de hoxe, un xulgado específico de violencia de xénero que poida atender os casos de terrorismo machista que se están a dar. Pombo sinalou que non é normal que Lugo, sendo capital de provincia, non conte cun xulgado destas características e cos medios humanos e recursos precisos afrontar un tipo de violencia que, en moitos casos, remata en asasinato.
A edil Maite Ferreiro destacou o repunte de casos de violencia machista que se está a dar no concello de Lugo e nas comarcas limítrofes. Ferreiro afirmou que segundo os datos da casa da muller do concello de Lugo os problemas de mal trato están afectando, cada vez, máis a rapazas novas e incluso por debaixo dos 16 anos. A concelleira do BNG Asembleas Abertas acusou ao PP de incrementar os casos de violencia de xénero coas súas políticas de recortes e supresión de medios para as entidades que traballan neste eido.