O BNG DEMANDA Á XUNTA QUE NON ABANDONE O BARRIO DA TINERÍA

O BNG DEMANDA Á XUNTA QUE NON ABANDONE O BARRIO DA TINERÍA

fotos 118Cosme Pombo: “O único que fixo nos 5 anos o señor Feijoo foi retirar as subvencións que ata aquel momento viña invertindo  a Consellería de Vivenda neste barrio da cidade”

O deputado do BNG lembrou que o Plan para a Tinería recibiu un importante premio das Nacións Unidas cando o BNG xestionaba a Consellería de Vivenda

Do 2009 ao 2014 o PP pasou a partida orzamentaria de Rehabilitación de Vivenda de 76 a 5,3 millóns e a destinada a Acceso a Vivenda de 108 a 14,8 millóns

Lugo, a 11 de agosto de 2014. O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, anunciou que o BNG vai presentar no Parlamento Galego unha serie de iniciativas para que a Xunta de Galiza se comprometa a rematar o plan de rehabilitación e dinamización do barrio da Tinería de Lugo. O nacionalista dixo que “o BNG presionará para que a Xunta de Galiza se comprometa con Lugo, se comprometa a rematar o Plan empezado de rehabilitación do barrio da Tinería, se comprometa coa vivenda que aínda queda por facer en edificios públicos da propia Xunta neste barrio, a rematar o Pazo de Doña Urraca que temos aquí atrás e que se podería converter nun Centro de Investigación de Asuntos Sociais para toda Galiza”

O deputado nacionalista dixo “que non se pode agardar mais, mentres hai familias con necesidade de vivenda, urxe a necesidade de creación de postos de traballo e a promoción económica, social e turística da capital provincial. É estratéxico para Lugo a posta en valor do noso patrimonio, que o é tamén de toda a Humanidade”

O barrio da Tinería conta con varios edificios de propiedade pública sen rehabilitar cuxa finalidade era adicalos a vivenda protexida, mais tamén conta con varias vivendas públicas baleiras. Un edificio destacado é o chamado Pazo de Doña Urraca, que tamén está pendente de rehabilitación, e no que estaba planificado un Centro de Estudos e Investigacións Sociais que fora referente en toda Galiza. Cosme Pombo lembrou que “hai pendente de rehabilitar dous edificios na Unidade de Intervención UI-8, que xa están adxudicados en concurso público. Serían destinados á creación de 12 apartamentos inter – xeracionais (para novos e maiores), un Centro de Día para o barrio e a posta en valor dos restos arqueolóxicos in situ”

Cosme Pombo lembrou como no periodo Feijoo 2009 – 2014 as partidas orzamentadas pola Xunta para Fomento da Rehabilitación de Vivenda recortáronse un 93 %, pasando de 76 a 5,3 millóns e as adicadas a Acceso de Vivenda sufriron un recorte do 86 %, de 108 a 14,8 millóns.

Premio Dubai de Boas Prácticas das Nacións Unidas

Asemade lamentou que a importante inversión feita neste ambicioso Plan, que ascendeu a mais de 30 millóns, estea desde o ano 2009 paralizada, e que fora merecente do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas. “A  Xunta de Galiza ten que comprometerse coa promoción económica, social e turística deste barrio da cidade, un barrio histórico, que leva 5 anos agardando por un compromiso firme da Xunta” dixo Cosme Pombo.

O citado premio valoraba a recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, a rehabilitación e rehabitación dun barrio á carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.

O BNG DEMANDA Á XUNTA QUE NON ABANDONE O BARRIO DA TINERÍA