O BNG DENUNCIA UN ATASCO SEN PRECEDENTES NO REXISTRO DA XUNTA EN LUGO

O BNG DENUNCIA UN ATASCO SEN PRECEDENTES NO REXISTRO DA XUNTA EN LUGO

“Entre 15 días e 1 mes é o que tardan en chegar aos distintos departamentos, no propio edificio da Xunta en Lugo,  os papeis que a xente presenta no rexistro” asegurou o parlamentario do BNG Cosme Pombo

 Para o BNG é indigno que “a falta de persoal e de organización teña paralizados expedentes que afectan a persoas e institucións”

Lugo, 23 de agosto de 2013. O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, denunciou o colapso que está a sufrir o rexistro xeral da Xunta en Lugo. A falta de previsión e de persoal provoca que a documentación rexistrada, por cidadáns e entidades, tarde entre 15 días e 1 mes en chegar ata o departamento correspondente. Cosme Pombo afirmou que “escritos dirixidos á Delegación en Lugo da Consellería de Traballo poden tardar máis de medio mes en chegar a este departamento, dende o rexistro, que está soamente separado por unha porta”. Pombo entregou no rexistro xeral da Xunta en Lugo un escrito do grupo parlamentar do BNG, dirixido á presidenta do Parlamento de Galiza, para que ela mesma poida comprobar o retraso que se acumula neste servizo.

Pombo dixo que o retraso, neste primeiro paso do trámite administrativo, implica que expedentes que teñen que pasar por diferentes departamentos da Xunta de Galiza poden tardar meses en resolverse xa que o sufren o primeiro atranco nun trámite que non debería de ocupar máis de dous días. Estes retrasos supoñen graves perxuizos ás persoas e empresas. No caso das empresas ven paralizada a súa actividade, en moitos casos, por non recibir no prazo previsto as correspondentes autorizacións para iniciar a actividade correspondente. Cosme Pombo exemplificou este tipo de problemas referíndose ás queixas, que varios veciños e veciñas trasladaron ao BNG, sobre o retraso na tramitación de expedentes referidos a obras de arranxo e substitución de teitos de casas e outras obras que, por razóns climatolóxicas, se teñen que facer no verán.

A política de recortes do goberno do PP na Xunta provoca unha falta de dotación de persoal que leva a situacións deste tipo que afecta a miles de expedentes administrativos. Segundo Pombo “esta situación retrasa a tramitación administrativa de expedentes que afectan directamente á vida das persoas”.

Lugo sen brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais

Cosme Pombo puxo como exemplo de estas afectacións a paralización do expedente de contratación de persoal para as brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais no concello de Lugo. O proceso de contratación non se pode efectivizar por que dende o rexistro da Xunta non remiten as solicitudes, de quenes alí as presentaron en tempo e forma, para presentarse aos procesos selectivos. O concello ten que recibir toda esta documentación para que os procesos selectivos poidan iniciarse. A finais do mes de agosto Lugo segue sen contar con brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais polo retraso e inoperancia dos responsables da Xunta.

O BNG DENUNCIA UN ATASCO SEN PRECEDENTES NO REXISTRO DA XUNTA EN LUGO