O BNG ESIXE EXPLICACIÓNS A FEIJÓO TRAS A NEGATIVA DO ALCALDE DE BARALLA A DIMITIR

O BNG ESIXE EXPLICACIÓNS A FEIJÓO TRAS A NEGATIVA DO ALCALDE DE BARALLA A DIMITIR

-Para o BNG, o máximo responsábel do PP en Galiza ten que explicar se apoia os comentarios do alcalde de Baralla contra as vítimas do Franquismo xa que até agora estivo calado

-O BNG a nivel nacional esixe a dimisión inmediata do alcalde de Baralla

-Ante a non dimisión de González Capón, o BNG afirma que a responsabilidade é agora do presidente do PP en Galiza, que debería forzar a súa dimisión

Compostela, 22 de agosto de 2013.- A Executiva Nacional do BNG, trala negativa a dimitir do alcalde de Baralla após as súas afirmacións contra as vítimas do franquismo, esixe que sexa o máximo responsable do PP en Galiza, Núñez Feijoo, quen dea explicacións sobre a permanencia no cargo do rexedor de Baralla e o obrigue a dimitir. Do contrario, Feijoo está amparando a un cargo público que ocupa unha posición impropia e totalmente desmerecida ao mostrar co seu comentario no pleno pasado o total desprezo ás persoas que foron represaliadas no franquismo.

Para o BNG, tal e como tamén expuxo o portavoz do BNG no Concello de Baralla, Xosé Manuel Becerra, pedir desculpas polas súas afirmacións non abonda, non queda outra saída que abandonar o seu cargo. Por esta razón é preciso que o PP a nivel galego dea as explicacións oportunas sobre cales son os motivos que levan a esta formación política a permitir seguir nas súas filas a unha persoa cun comportamento tan taxativamente lamentable.

Segundo explicou Xosé Manuel Becerra, diante da gravidade das declaracións do rexedor e deputado provincial do PP, o BNG vai solicitar a súa dimisión na Deputación provincial, co que será a primeira vez na historia da democracia que unha institución solicite a dimisión dun cargo diante das declaracións deste tipo.

Por iso, o BNG reitera unha vez máis que se o PP non obriga a González Capón a dimitir estará avalando unhas declaracións feitas por esa persoa.

O BNG ESIXE EXPLICACIÓNS A FEIJÓO TRAS A NEGATIVA DO ALCALDE DE BARALLA A DIMITIR