O BNG DENUNCIA QUE CONTINÚA A CONTAMINACIÓN DO RÍO RATO
O tramo alto do río Rato, na zona da Garaballa, sufre un importante grado de contaminación polo mal funcionamento dun pozo de tormenta no que se está a facer o debido mantemento
Paz Abraira lembrou que o BNG xa advertiu desta situación no pasado mes de maio
Lugo, 20 de agosto 2014. O BNG volve a denunciar aos problemas de contaminación xerados no tramo alto do río Rato polo mal funcionamento dun pozo de tormenta situado na zona da Garaballa. A pesares de que a voceira do BNG xa levara esta cuestión á comisión de urbanismo, infraestruturas e medio ambiente, celebrada no mes de maio, a Confederación Hidrográfica e o concello de Lugo fixeron ningún tipo de actuación para solvetar este problema.
No mes de maio os nacionalistas esixíranlle á Confederación Hidrográfica e ao concello de Lugo que se dera solución aos problemas de contaminación xerados no tramo alto do río Rato. Na comisión de urbanismo e infraestruturas celebrada a finais de maio o representante do goberno municipal deu resposta ás preguntas presentadas polo BNG e recoñeceu que o concello ignoraba se esta infraestrutura hidráulica está a recibir o mantemento necesario para o seu bon funcionamento.
Paz Abraira dixo que o goberno municipal terá que preocuparse de xestionar o correspondente convenio coa Confederación Hidrográfica para facerse cargo, como lle corresponde, do mantemento desta infraestrutura da que depende a saúde do caudal do río Rato e por tanto, tamén, do Miño. Neste momento nin a Confederación Hidrográfica nin o concello de Lugo se fan cargo do mantemento e esto provoca continuos verquidos que provocan a contaminación do río Rato co que esto supón para o caudal do río e as correspondentes molestias para os veciños e veciñas da zona.
Problemas que se agravan durante o verán
Nas épocas de calor as consecuencias da contaminación agrávanse polo incremento dos cheiros e a presenza abundante de insectos. A voceira do BNG sinalou ao goberno municipal como responsábeis desta deixadez de funcións e desta situación duns veciños que dende o ano 2010 sofren a presenza de augas contaminadas xunto das súas vivendas. Abraira advertiu que o BNG estará vixiante para garantir que se de solución aos problemas de contaminación do Rato cuestión que ao mellor non lle preocupan ao goberno municipal por tratarse dun barrio periférico dixo Abraira.