O BNG PREGUNTA POLO PROTOCOLO DE VIOLENCIA DE XÉNERO DO CONCELLO DE LUGO
Os nacionalistas xa preguntaran polo estado da súa elaboración en abril de 2013
Cando asasinan a unha muller todo son boas intencións, pero as administracións teñen que ter o traballo feito antes para previr mais mortes dixo Cristina Ferreiro
Lugo, 19 de agosto de 2014. O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Lugo rexistrou hoxe unhas preguntas para saber en que estado de elaboración se atopa o Protocolo de intervención interinstitucional para a prevención, detección e intervención en situacións de violencia de xénero, encargado polo Concello. Dende o BNG de Lugo queremos saber se o Protocolo de intervención interinstitucional para a prevención detección e intervención en situación de violencia de xénero encargado hai mais de ano e medio polo Concello se realizou. Está rematado este traballo? De non ser así, por que? Cando ten pensado o Goberno Municipal presentalo social e politicamente? dixo a edil do BNG Cristina Ferreiro.
Para o BNG a situación de crise económica e dos recortes en prestacións sociais, laborais e familiares son as mulleres as que sofren dun xeito máis desgarrador esta situación xa que quedan sen alternativa. Cristina Ferreiro declarou que cando hai un asasinato xorden moitas voces expresando compromiso para dar pasos no camiño de rematar con esta lacra , pero esmorecen e pasamos de novo á mal chamada normalidade .Non podemos permitir que a Violencia de xénero, o asasinato de mulleres pase a ser un feito co que temos que convivir, temos que loitar contra elo no día a día de xeito constante dende a educación na igualdade , no respecto , nos valores , na prevención , na deteción e na atención , todo elo dende unha perspectiva integral e integradora.
A edil nacionalista dixo que o BNG non esquece que cando asasinaron á veciña da Rúa Camiño Real, Elena Dumitru, en marzo de 2013 escoitáronse declaracións con moi boas intencións, pero a día de hoxe non sabemos se estamos mellor ou igual de preparados para afrontar esta lacra no noso Concello. Ferreiro salientou que no que vai de 2014 na provincia de Lugo foron asasinadas 3 mulleres e en Galiza son 6 vítimas da violencia de xénero, a última o pasado 29 de xullo no Concello de Pazos de Borbén.
Para o BNG é unha evidencia a necesidade de que exista unha coordinación entre os distintos departamentos de servizos sociais das diferentes administracións con competencia na materia e actuar con premura , urxencia e delicadeza e sempre dun xeito integral é dicir na atención a muller e tamén ao seu entorno socio-familiar. Segundo as nacionalistas a violencia de xénero ten que abordarse dende a prevención ,detección e intervención e dun xeito multidisciplinar para evitar a situación de desamparo no que se atopan as mulleres.