O BNG INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A POÑER EN MARCHA OS HORTOS URBÁNS

O BNG INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A POÑER EN MARCHA OS HORTOS URBÁNS

fotos 191A proposta dos nacionalistas foi feita no ano 2013 e contemplaba a creación de hortos urbanos na zona de Lamas de Prado

A concelleira nacionalista, Paz Abraira, dixo que “como todo o comprometido polo PSOE, non se executa nada”

LUGO, 21 de agosto de 2014. O BNG instou ao goberno municipal a executar a implantación dos hortos urbáns. Segundo lembrou Paz Abraira esta foi unha das propostas do BNG acordadas co PSOE para a aprobación dos orzamentos municipais do ano 2013. A concelleira Paz Abraira emprazou ao Goberno Municipal a dotar á cidade de novos hortos urbanos impulsados polo Concello na zona de Lamas de Prado xa que “os hortos son un éxito alí onde se implantan dada a demanda social que teñen”. Abraira lembrou que esta proposta do BNG fora inicialmente aprobada polo goberno municipal pero “como todo o comprometido polo PSOE, non se executa nada”. Abraira afirmou que “esta é mostra máis da desidia do goberno municipal” e engadiu que “Orozco está máis preocupado por crear controversia social e por facer obras que por poñer en marcha iniciativas medioambientais que redundan nunha maior calidade de vida para as persoas”.

Segundo Paz Abraira esta iniciativa, “ademais do seu propio valor ecolóxico ten outras implicacións que contribúen a xerar comunidade, promovendo as relacións sociais e inscribíndose en procesos pedagóxicos e de desenvolvemento comunitario. Así mesmo, poden converterse en balóns de oxíxeno económico para moitas familias desta zona de Lugo”. “Hai que ter en conta que nesta zona aínda existen persoas maiores que manteñen as súas hortas e que probablemente estivesen encantadas de transmitir os seus coñecementos” engadiu. Neste sentido comentou “a estas iniciativas públicas hai que darlles un sentido social, de maneira que impliquen aos veciños e veciñas e dinamicen a colaboración entre as persoas”.

Unha das zonas onde os nacionalistas consideran que se pode  implementar esta actuación é a zona norte da cidade, en concreto nos terreos da Abella que lle corresponden ao concello polo desenvolvemento urbanístico da zona. Recalcou que desta maneira se lograrían unhas magníficas zonas verdes fronte a maleza e o lixo que actualmente cubre boa parte destes espazos.

Paz Abraira lembrou que xa existen outros hortos na nosa cidade, promovidos pola Deputación Provincial e pola Universidade, pero que pola súa ubicación non son un recurso que poida utilizar maioritariamente a veciñanza da zona norte de Lugo, que ademais conta cunha grande densidade poboacional. A concelleira comentou que “estes proxectos constatan que si existe unha ampla demanda e están a ter un grande éxito” e engadiu “que xa se está a demandar a ampliación dos espazos para facer medrar o número de parcelas”.

As características dos hortos

Abraira indicou as características que, a criterio do BNG, se deben de cumprir á hora da implantación dos hortos urbanos municipais. As parcelas deben de ir destinadas a poboación maior de 16 anos, e introduciranse criterios que primen a adxudicación, que se fará por sorteo, a xubilad@s, desempregad@s e familias numerosas. O tamaño das parcelas non debe ser inferior a 20 m². O concello non debe de impoñer ningunha taxa municipal o ben debe ser simbólica. As parcelas irán, unicamente, destinadas a cultivo agrícola e cultivo de plantas ornamentais que terán como finalidade o consumo propio, nunca para comercialización. As obrigas do Concello, a respecto das parcelas, serán a da preparación anual do terreo para o seu cultivo, galpón para gardar os apeiros, reciclaxe dos residuos, sistema de rego, alumeado, balado da parcela, delimitación adecuada das hortas, asesoramento en materia de respeto ao medio ambiente e en produción ecolóxica. Os usuarios terán que  cultivar a parcela baixo as normas establecidas polo concello

O BNG INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A POÑER EN MARCHA OS HORTOS URBÁNS