O BNG DENUNCIA A EXISTENCIA DE NÚMEROSOS VERTEDOIROS INCONTROLADOS NO ENTORNO DO RÍO MIÑO
Paz Abraira anunciou que se o concello non procede á eliminación destes vertedoiros o BNG presentará alternativas
O concello coa súa política virtual puxo en marcha o espazo web Linea Verde pero non adica un minuto a traballar na eliminación de vertedoiros
Lugo, a 23 de xaneiro de 2014. O Grupo Municipal do BNG en Lugo ven de denunciar, unha vez máis, a existencia de numerosos vertedoiros incontrolados no extraradio da cidade. Nesta ocasión a voceira do BNG, Paz Abraira, desprazouse ata a parroquia de Adai para demandar a eliminación dos residuos amoreados ao carón dun dos camiños polos que transcorre unha das rutas de sendeirismo da Reserva da Biosfera.
Paz Abraira sinalou que o concello coa súa habitual política virtual, recentemente, puxo en marcha un sistema web chamado Línea Verde para cubrir diversos aspectos en materia medioambiental pero lamentablemente non adica nin un so minuto a traballar na eliminación dos numerosos vertedoiros incontrolados que proliferan en todo o territorio do concello. Abraira anunciou que trasladarémoslle esta queixa ao goberno municipal a través da súa Línea Verde a ver se así resulta máis efectivo.
O BNG xa denunciou en outras ocasións a existencia de vertedoiros incontrolados en diversas zonas do concello e concretamente no entorno do río e nas pistas que suben dende a estrada de Hombreiro ata a N-VI. A voceira do BNG dixo que ademais do impacto visual e medioambiental que supoñen estes vertedoiros poden constituír focos contaminantes e infecciosos que poden resultar perigosos para a veciñanza. Abraira avanzou que de non procederse á súa retirada o BNG plantexará alternativas para a súa eliminación.