O BNG DO CORGO PEDIRÁ QUE O CONCELLO SOLICITE Á XUNTA A ELIMINACIÓN DO CANON DE SOGAMA
Para o BNG, calquera modificación ten que pasar por un consenso coa FEGAMP e cos concellos implicados, coa participación de SOGAMA e da Consellaría con atribucións en medio ambiente
No vindeiro pleno do xoves, o BNG tamén solicitará un acordo para instar a que a Xunta solicite ao FROB a paralización da venda de NovaGaliciaBanco por ser unha entidade sistémica para Galiza
O Corgo, 27 de novembro de 2013. O BNG do Corgo, a través do seu portavoz, Mario Outeiro, anunciou que vai presentar ao vindeiro pleno ordinario que se celebrará o xoves dúas mocións nas que tratará de acadar o apoio para, por unha banda, solicitar que a Xunta non inclúa de partida nos orzamentos de 2014 o incremento para pagar o canon sobre o lixo que impuxo SOGAMA, e por outra, que a Xunta solicite ao FROB a paralización da venda de NovaGaliciaBanco por ser unha entidade sistémica para Galiza.
Tal e como defende o BNG na súa moción, o goberno do PP introduce nos orzamentos da Xunta de Galiza a revisión do canon para acadar os 74,64 euros por tonelada tratada, sen IVE, o que vai supor un incremento de preto do 34% para os máis de 290 concellos adheridos. Esta medida unilateral do PP, sen coñecemento nin participación dos concellos adheridos no proceso de toma de decisión, pretende un incremento desproporcionado e abusivo que se repite, como noutros ámbitos por parte do Goberno do PP, pola adopción de medidas dirixidas a salvar ás grandes empresas corporativas transnacionais. Ademais, hai que lembrar que con esta suba o PP non só pretende compensar as perdas presentes e previsíbeis que ten SOGAMA, senón pasar a ter uns beneficios de preto de 7 millóns de euros a conta da cidadanía galega que verá repercutido este canon nos recibos que cobran polo servizo de recollida de lixo aos concellos.
Por estas razóns, o BNG demandará o xoves no pleno que se retire dos orzamentos do próximo ano o incremento previsto do canon de SOGAMA que deben satisfacer os concellos e que calquera modificación que se pretenda pase obrigatoriamente por un consenso coa FEGAMP e cos concellos implicados, coa participación de SOGAMA e da Consellaría con atribucións en medio ambiente. Ademais, o BNG cre importante que se revise en profundidade o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza 2010-2020, eliminando a previsión de construír un nova incineradora de residuos urbanos e apoiando un modelo que supere SOGAMA, mediante proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe, que posibilite a creación de emprego e alcanzar os obxectivos e recollida selectiva e reciclaxe dos modelos en funcionamento máis avanzados.
Por outra banda, e atendendo ao proceso de venda de NovaGaliciaBanco, o BNG considera que a importancia estratéxica para a Galiza da permanencia de Novagalicia Banco como Banco Galego Independente non se pode poñer en dúbida ao se tratar dunha ferramenta fundamental para a subsistencia na Galiza do aforro dos galegos e das galegas, a fin de que sexa destinado prioritariamente a fornecer de crédito para o desenvolvemento dos sectores estratéxicos da economía do país.
É por isto polo que o BNG do Corgo demandará no vindeiro pleno un acordo para que o Concello inste ao pleno a demandar do FROB que paralice a decisión de vender Novagalicia Banco por ser unha entidade financeira sistémica para Galiza. Do mesmo xeito, o BNG considera preciso demandar do Congreso dos Deputados aprobar as reformas legais necesarias para que sexan consideradas sistémicas tamén as entidades financeiras con presenza significativa en ámbitos territoriais determinados, como o caso de NCG Banco, a fin de que se manteñan como entidades independentes cara o futuro e con capacidade de decisión propia. Ademais, a Xunta debe oporse ante o Goberno do Estado a calquera tentativa de venda a outra entidade que supoña a perda do seu vencello territorial con Galiza, defendendo a permanencia de Novagalicia Banco como entidade financeira galega independente e estudando a alternativa da súa transformación nun Banco Público Galego. E por último, demandar da Xunta de Galiza que exerza as potestades que ostenta sobre Novagalicia Banco para que as persoas adquirentes de participacións preferentes das extintas caixas de Aforro poidan recuperar inmediata e integramente a totalidade dos seus aforros.