O BNG EXÍSELLE Á XUNTA O CUMPRIMENTO DO PLAN PARADAI

O BNG EXÍSELLE Á XUNTA O CUMPRIMENTO DO PLAN PARADAI

O BNG presentará de novo no Parlamento de Galiza unha iniciativa para que se cumpra o Plan Paradai

 Os nacionalistas tamén lle preguntarán ao Goberno Municipal sobre as xestións que está a facer para o remate da Ponte Paradai

  Lugo, 4 de xullo, 2014. O deputado do BNG no Parlamento Galego Cosme Pombo e a voceira nacionalista no Concello de Lugo Paz Abraira achegáronse hoxe ata as obras do Plan Paradai. Cosme Pombo anunciou unha nova iniciativa do BNG para instar á Xunta de Galiza a que cumpra o prometido en sede parlamentar e ante os veciños e veciñas de Lugo. O deputado nacionalista lembrou que o PP comprometérase a rematar esta obra no ano 2014 "cando a ninguén se lle escapa que hoxe está igual que cando empezaron no mes de marzo".

Para o BNG, tal e como xa se ten trasladado en diversas ocasións “é unha necesidade urxente o executar estas obras por canto son fundamentais para a comunicación dunha zona moi importante da cidade de Lugo”.O parlamentario do BNG advertiu que “Lugo non ten por que soportar máis trucos para enmascarar os retrasos e incumprimentos nesta obra”.

Despois de múltiples adiamentos, no mes de febreiro de 2014 a Xunta, a instancias do BNG, comprometeuse a que a Ponte Paradai estaría rematada este ano. A nova Ponte de Paradai sobre a vía férrea é unha infraestrutura moi demandada, longamente esperada, e que axudaría a resolver os graves problemas de comunicación das barriadas das Gándaras e Paradai, se se conecta coa glorieta de Carlos Azcárraga.

A súa vez, a voceira nacionalista no Concello, Paz Abraira,  anunciou que presentará no Concello de Lugo unha serie de preguntas sobre a actitude que o Goberno municipal está a manter ante os incumprimentos da Xunta de Galiza. "Non vemos ningún avance real. O BNG faise eco dos veciños e veciñas de Lugo que están fartos de tanto retraso e esixen unha solución inmediata para a construción da ponte de Paradai e o remate de todo o Plan Paradai". “Resulta un insulto para os e as lucenses ver a practicamente nula actividade nesta obra mentres o Deputado e Voceiro do PP no concello, Jaime Castiñeira, mira para outro lado como fai con todos os problemas da cidade creados polos incumprimentos do seu partido, o Partido Popular”. A concelleira lembrou a desidia da Xunta con Lugo en múltiples temas como cos servizos prometidos no HULA  e na vella residencia ou Cuartel de San Fernando.

Para o BNG non son admisibles máis dilacións nin escusas. Paz Abraira insistiu en que “primeiro foron os terreos, despois as vivendas que había que tirar, agora a tubaxe de subministro de auga. Este é un proxecto da Xunta de Galiza, e súas son as máximas responsabilidades no que está a acontecer”. “Pero o Goberno municipal non pode permitir que o único que se leve 5 meses facendo sexa remexer terra dun lado para outro”.

O BNG EXÍSELLE Á XUNTA O CUMPRIMENTO DO PLAN PARADAI