O BNG LEMBRA QUE PRESENTOU ALEGACIÓNS AO PROXECTO DE EDIFICIOS DA ESQUINA DE S. ROQUE COA RONDA
Non sabemos se o PP agardaba pola posición da Xunta ou foi por que na época de verán Jaime Castiñeira e os seus ediles estaban desconectados do que sucedía en Lugo dixo Paz Abraira
Somentes o BNG e o COAG presentaron as alegacións no prazo aberto tras a exposición pública do proxecto de modificación do PEPRI
Lugo, 11 de novembro 2014. A voceira do BNG lembrou hoxe que somentes o BNG e o COAG presentaron alegacións en tempo e forma á proposta de modificiación puntual do PEPRI que agora a Xunta de Galiza desautorizou. Paz Abraira lamentou que o PP non presentase as correspondentes alegacións no momento en que estaba en exposción pública e engadiu non sabemos se agardaban pola posición do PP da Xunta ou foi por que na época de verán Jaime Castiñeira e os seus concelleiros estaban desconectados do que sucedía en Lugo.
No mes de agosto o Bloque Nacionalista Galego presentou unha serie de alegacións á proposta de modificación puntual do PEPRI que comprende o espazo situado na confluencia da Ronda da Muralla e a Rúa San Roque. O documento que recolle esta modificación do PEPRI estivo en período de exposición pública no verán e a voceira nacionalista no Concello de Lugo, Paz Abraira, advertiu naquel momento que a proposta prevé a construción de dous edificios cun volume moi importante e poden ter un impacto visual moi forte sobre o propio monumento. Por este motivo o Bloque Nacionalista Galego presentou unha serie de alegacións encamiñadas a mellorar esta proposta e encamiñadas a protexer a muralla de Lugo.
Paz Abraira lembrou que un dos motivos da abstención do seu grupo político cando se aprobou o PEPRI foi que non se protexeran as vivendas deste cuarterón, sobre o que o Concello acaba de facer a modificación puntal. Así, a edil afirmou que para o BNG foi desde logo unha perda importantísima que non se protexese as vivendas existentes moi propias da tipoloxía do entorno que poñían ademais en valor o propio monumento. Mentres que a nova proposta urbanística ten un capacidade edificatoria moi superior a que existía antes da aprobación do PEPRI.
A proposta actual, que foi informada negativamente pola Xunta de Galiza, contempla dous bloques de edificación de distintas alturas no fronte á Ronda da Muralla e na frontal cara a rúa San Roque. No Caso da Ronda da Muralla o efecto visual desde o propio monumento e desde a calzada sería moi impactante, sobre todo se existe unha total uniformidade estética. Ademais, outra das características destacables é que o novo edificio proposto na Ronda da Muralla adiántase moito con respecto aos xa existentes, polo que non se lle dá continuidade a non ser a través da zona porticada ao espazo libre existente no comezo da Rúa Montero Ríos. O feito de adiantar tanto a edificación e a zona porticada pode xenerar un efecto visual de túnel que en nada vai favorecer ao entorno.
As alegacións do BNG foron encamiñadas a que se retranquee a construción da Ronda mantendo unha liña edificatoria máis equilibrada coa dos edificios xa existentes, co que se ganará en distancia con respecto á Muralla e se limitará o efecto visual de túnel ou barreira que se pode crear. Os nacionalistas tamén solicitaron, nas súas alegacións, que se deseñara unha fachada que non xenere efecto visual de túnel ou muralla paralela e que se incremente o fondo edificatorio aínda que contase cunha maior altura porque, desta maneira, podería retrasarse a liña edificatoria e ganar distancia con respecto ao monumento.