O BNG LEVARÁ AO CONGRESO A ACTUACIÓN DA GARDA CIVIL E DA CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA EN SARRIA

O BNG LEVARÁ AO CONGRESO A ACTUACIÓN DA GARDA CIVIL E DA CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA EN SARRIA

rosanaA deputada Rosana Pérez anunciou que o BNG preguntará pola actuación “desmedida” das forzas de seguridade e polo cambio de actitude da Confederación Hidrográfica

O BNG xa presentara, no Congreso, iniciativas esixindo a elaboración dun estudo de impacto ambiental

Lugo, 25 de marzo, 2014. O BNG levará ao Congreso unha serie de preguntas sobre todo o sucedido na xornada de hoxe en Sarria. A deputada nacionalista, Rosana Pérez, anunciou que “se presentarán con inmediatez dúas iniciativas sobre todo o acontecido”. Rosana Pérez explicou que o BNG pediralle explicacións ao secretario de estado do Ministerio de Interior pola excesiva a presenza de antidisturbios da Garda Civil e polo xeito de actuar ante unha situación deste tipo. Para o BNG “foi desmesurada a presenza de efectivos da Garda Civil e a súa actuación ante a xente que alí permanecía”.

Por outra banda a Deputada do BNG sinalou que tamén o BNG se dirixirá, dende o Congreso, á Confederación Hidrográfica para clarexar “por que se actúa deste xeito, xusto despois de ter anunciado un cambio no proxecto a executar, e por que se comeza a tala de árbores baixo a protección policial”. Para o BNG resulta “incrible que unha administración poida actuar desta maneira e iniciar unha actuación deste tipo sen contar cos permisos necesarios”, Rosana Pérez fixo alusión á orde xudicial pola que se paralizaron as obras iniciadas hoxe mesmo e sinalou que “esto é a proba máis clara de que non se estaba a actuar de xeito correcto”.

Para o BNG é fundamental que se manteña activado o movemento veciñal que está a evitar a desfeita prevista pola Confederación Hidrográfica co visto e prace do goberno municipal. As obras de encauzamento afectarían á illa do Toleiro e aos ameneiros que se atopan na ribeira do río. Estas árbores, protexidas a nivel europeo pola súa escaseza, toman parte dunha paisaxe autóctona. O proxecto ten previsto re-urbanizar esta zona en aras de evitar, din desde a corporación municipal, o desbordamento do río. Neste senso, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil expropiaría o muíño do Toleiro argumentando que parte da súa finca se atopaba en zona anegábel e era o principal escollo para o cauce do río en caso de desbordamento.

A veciñanza rexeitou desde o comezo este plan porque o propio informe de obra indica que a medida podería minimizar as anegacións mais non eliminalas. A execución do proxecto terá un custe de 6.700.0000 euros que serán financiados con fondos públicos, o 70% procedente de fondos FEDER e o 30% a conta da propia Conferencia Hidrográfica.

O BNG LEVARÁ AO CONGRESO A ACTUACIÓN DA GARDA CIVIL E DA CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA EN SARRIA