O BNG LÉVARA UNHA INICIATIVA AO PARLAMENTO PEDINDO A REHABILITACIÓN DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES
En referencia á intermodal Cosme Pombo dixo que non vai chegar no curto prazo e hai que deixarse de anuncios e ilusionismos coa primeira pedra, a maqueta e as fotos do conselleiro correspondente
O uso do transporte público na área metropolitana incrementouse nun 88% e Lugo precisa dunha estación acorde co século XXI
Lugo, 24 de marzo, 2014. O BNG levará ao parlamento unha iniciativa para demandar da Xunta de Galiza que acometa unha reforma en profundidade da estación de autobuses de Lugo. O parlamentario nacionalista, Cosme Pombo, compareceu diante do edificio da Estación de Autobuses de Lugo acompañado por concelleiros e responsábeis do BNG da comarca de Lugo. Os nacionalistas demandan unha rehabilitación integral do edificio que poña estas instalacións á altura do século XXI. Os nacionalistas realizaron unha visita ao edificio da Estación de Autobuses e comprobaron como, por exemplo, a sala de espera da planta superior segue pechada cuns taboleiros atados con aramios.
Pombo dixo que compre mellorar esta estación que dende hai moito tempo precisa unha reforma en profundidade. O parlamentario do BNG sinalou que a estación de Lugo é a primeira imaxe da cidade para moitos visitantes e está situada ao pé da muralla e do que vai ser un centro cultural de referencia na cidade. Cosme Pombo afirmou que é de xustiza que se fagan inversións neste edificio para que se equipare ás condicións da maioría das 43 estacións de autobuses que hai en Galiza. Para o BNG a estación de Lugo non conta coas condicións de seguridade, confortabilidade e hixiene necesarias para unha instalación este tipo.
En referencia á intermodal Cosme Pombo dixo que non vai chegar no curto prazo e hai que deixarse de anuncios e ilusionismos coa primeira pedra, a maqueta e as fotos do conselleiro correspondente asinando protocolos co ministro de turno. Pombo asegurou que o BNG desexa, para Lugo, que a estación intermodal chegue canto antes, pero os feitos demostran que esto non se vai producir a curto prazo e mentres as persoas que entran e saen de Lugo teñen que sufrir o mal estado da Estación de Autobuses.
A actual situación de crise económica fai que se incremente de xeito moi considerable o número de usuarios do transporte público. Na visita de hoxe tanto os representantes do BNG como os medios de comuniciación puideron comprobar o elevado número de persoas que transitan pola Estación de Autobuses de Lugo. Esto xustifica, sen dúbida, a necesidade urxente de acometer obras de rehabilitación neste edificio da Xunta de Galiza. Cosme Pombo fixo referencia ao aumento do 88 % do número de usuarios en Lugo e no seu entorno. recentemente os medios de comunicación, segundo datos da propia Xunta de Galiza, reflexaban que máis de 300 mil viaxeiros no 2013 utilizaron o sistema de transporte mentropolitano en Lugo.