O BNG LEVARÁ AO PLENO UNHA MOCIÓN CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

O BNG LEVARÁ AO PLENO UNHA MOCIÓN CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

fotos 300Os nacionalistas piden na súa proposta a aplicación efectiva da normativa existente e que se facilite o acceso ás axudas do chamado “salario da liberdade" 

“O concello de Lugo deberá elaborar plans de difusión e de formación para o persoal municipal que traballa en asuntos relacionados coa violencia de xénero” sinalou Cristina Ferreiro

Lugo, 23 de outubro 2014.  O BNG presentará unha moción para o vindeiro pleno do concello de Lugo contra a violencia machista. Segundo explicou Cristina Ferreiro “ademais de demandar a aplicación de diversos aspectos normativos queremos que os grupos políticos se posicionen rexeitando e esixindo responsabilidades políticas a aquelas persoas con cargos institucionais que fixeren declaracións con contido machista”.  Ademais o texto da proposición dos nacionalistas contempla a demanda, ante a Xunta de Galiza, para que se desenvolvemento lexislativo do artigo 39 da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

As reivindicacións dos nacionalistas están centradas en conseguir unha regulación das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero co obxectivo de estabelecer baremos de renda non inferiores aos que se recollían nas convocatorias dos anos 2006, 2007, 2008, 2009 e 2010 e  eliminando a incompatibilidade do cobro desta axuda no caso de se beneficiar con anterioridade das medidas recollidas no artigo 39 da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Tamén se pide, no texto da proposta, que se garanta que o prazo de presentación de solicitudes desta axuda se manteña aberto durante todo o ano e que se estableza un prazo máximo de 30 días para a resolución e o pagamento efectivo das axudas desde o momento da súa solicitude. Tamén se reclama unha ampliación da duración das axudas a 18 meses prorrogábeis até  24 meses segundo a situación da vítima.

Os nacionalistas levarán esta proposta ao pleno para que a corporación aopoio ao asociacionismo que traballa no combate contra a violencia de xénero e para desenvolver, a nivel municipal e en colaboración co tecido social, unha campaña urxente de concienciación sobre a responsabilidade social e a necesidade de illar os agresores, así como un plan de sensibilización permanente contra a violencia machista que englobe ao conxunto da sociedade. O BNG propón, tamén, elaborar un plan de formación especial para o persoal municipal que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero e aprobar unha normativa municipal sobre publicidade sexista e exixir o seu cumprimento, chegando a romper patrocinios e colaboracións con aqueles medios que o incumpriren.

Cristina Ferreiro lembrou que “a violencia machista é unha realidade que golpea día tras día as mulleres deste país” e engadiu que “para as mulleres e as organizacións que loitamos contra a violencia machista, é un feito incontestábel que non podemos continuar a contar o número de mulleres asasinadas e os numerosos casos de agresións físicas e psicolóxicas sen tomar medidas urxentes que impliquen o conxunto da cidadanía e trasladen ás mulleres un verdadeiro apoio e a garantía de se respectar o seu dereito a vivir unha vida digna sen violencia”. A proposta do BNG pretende que se maneteñan as alertas das administración todos os días do ano e non se fagan brindes ao sol arredor da data do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres.

O BNG LEVARÁ AO PLENO UNHA MOCIÓN CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA