O BNG PIDE UN “LAVADO DE CARA INTEGRAL” PARA A CALZADA DA PONTE

O BNG PIDE UN “LAVADO DE CARA INTEGRAL” PARA A CALZADA DA PONTE

IMG_6094

Pintadas e maleza son a paisaxe da Calzada que enlaza a cidade co río Miño e pola que discorre o Camiño Primitivo 

Paz Abraira dixo que “as intervencións non teñen un excesivo custe para o concello e pódense afrontar, na maioría dos casos, con medios propios” 

Lugo, 24 de outubro 2014.  A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, presentou hoxe a iniciativa que o BNG levará á vindeira sesión plenaria do concello de Lugo. O BNG solicitará o apoio da corporación municipal para que o concello de Lugo acometa as intervencións necesarias para o adecentamento e mellora da Calzada da Ponte. Previamente so servizos técnicos municipais deberan realizar unha análise técnica previa do conxunto das medidas que é preciso adoptar, na Calzada da Ponte, para adecentar o seu aspecto e acometer as operacións de mellora e consolidación necesarias.

Paz Abraira lembrou que “a Calzada da Ponte é unha das vías singulares de Lugo xa que é a vía de conexión entre os dous elementos máis significativos da nosa cidade, a Muralla e o río Miño”. A Calzada da Ponte tamén é o principal acceso desde a cidade ata a recentemente restaurada Ponte Romana. Abraira sinalou que “son moitas as persoas (peregrinos, turistas e visitantes) que, na actualidade, utilizan esta calzada para continuar o Camiño, atravesar a cidade e achegarse ata as beiras do Miño e son moitos os veciños e veciñas que teñen a súa residencia ao longo da Calzada da Ponte ou do outro lado do río e que transitan diariamente por ela”.

Dende o seu entronque coa rúa Santiago até o tramo final, nas inmediacións da ponte Romana, a Calzada da Ponte precisa diversas intervencións para axeitar o seu estado de conservación e o seu aspecto á ruta da que forma parte e ás mínimas condicións esixibles por quen nela habitan. Para o BNG “compre acometer, entre outras cousas, o acondicionamento dos xardíns existentes na confluencia da Calzada da Ponte coa rúa Santiago, a limpeza de pintadas en diversos puntos da Calzada, a total eliminación da vexetación expontanea nas beirarúas”. Os nacionalistas tamén reclamaron o adecentemento dos pasos baixo a ronda do Carmen e a N-VI e a retirada dos restos vexeitas acumulados nas inmediacións da N-VI. Segundo Paz Abraira “é necesario que nalgúns tramos da Calzada da Ponte se faga unha consolidación do firme e a revisión dos elementos de sinalización vertical”.

A voceira do BNG afirmou que “o concello de Lugo debe manter o coidado de todas as rúas e viais que son da súa titularidade, mais coidamos que se debe facer un especial esforzo no mantemento daquelas rúas que son imaxe de Lugo para as persoas que nos visitan”. No caso das propostas feitas polos nacionalistas trátase de intervencións que non teñen un excesivo custe para o concello e que se poden afrontar, na maioría dos casos, con medios propios.

IMG_6091

Paz Abraira reclamou, tamén, a actuación do goberno municipal para que se proceda a unha limpeza do sistema de sumidoiros por que “neste momento están tupidos na súa práctica totalidade e provocan importantes problemas cando as chuvias son abundantes”. Ademais a edil nacionalita sinalou que “a  cantidade de tráfico que absorbe a Calzada é desproporcionado para a súa capacidade” e engadiu que “a maiores existe un problema en canto á ordenación do estacionamento de vehículos xa que moita xente ten problemas, incluso, para poder acceder ás súas vivendas xa que os coches estacionan dun xeito absolutamente desordeado”

.

O BNG PIDE UN “LAVADO DE CARA INTEGRAL” PARA A CALZADA DA PONTE