O BNG levará ao pleno municipal a posta en funcionamento dunha app para persoas xordas

O BNG levará ao pleno municipal a posta en funcionamento dunha app para persoas xordas

“A día de hoxe as persoas xordas non se poden comunicar cos servizos de bombeiros e policía local en caso de emerxencia, esta fórmula sería a solución” afirmou Rubén Arroxo

 

Lugo, 6 de xullo 2016. O BNG - AA leva ao vindeiro pleno municipal unha proposición para que o Concello de Lugo poña en funcionamento unha aplicación para teléfonos móbiles de cara a que as persoas xordas se poidan poñer en contacto cos servizos de bombeiros e policía local, en caso de emerxencia de forma totalmente independente, unha demanda existente neste colectivo e que avanzaría na inclusión no concello. “A día de hoxe as persoas xordas non se poden comunicar cos servizos de bombeiros e policía local en caso de emerxencia, esta fórmula sería a solución” afirmou Rubén Arroxo, lembrando que é preciso que as institucións aproveiten as solucións que nos dan as novas tecnoloxías para poder mellorar e facilitar a vida das persoas.

IMG_9000

Dende o grupo nacionalista aseguran que non existe ningunha complicación técnica para levalo a cabo, dado que se están a aplicar noutros concellos do estado “Exemplos como Syspol092 ou SOR-POL, por citar algúns, son app´s creadas nos concellos de Elche e Fuenlabrada, respectivamente e que amosan a viabilidade deste proxecto” explicou o portavoz do BNG. Estas aplicacións teñen un funcionamento bastante semellante ao que poida ser as populares Whatsapp ou Telegram, dado que as persoas se poderán comunicar cos servizos de policía e bombeiros por vía escrita, enviar fotos da situación e dar a localización GPS. Ademais, en palabras do grupo municipal, isto sería un custo moi pequeno ao lado do servizo que ofrece, xa que lles dá total autonomía a estas persoas, non tendo que depender doutras, derribando así unha barreira máis e creando igualdade de atención entre veciñas e veciños do concello neste ámbito.

O BNG levará ao pleno municipal a posta en funcionamento dunha app para persoas xordas