O BNG LEVARÁ UNHA INICIATIVA AO PARLAMENTO PARA QUE SE INICIEN AS OBRAS DO PLAN PARADAI
A XUNTA NON FIXO NADA DO PLAN PARADAI DESDE QUE FEIJOO ESTÁ COMO PRESIDENTE, ESTA É A REALIDADE DIXO COSME POMBO
Para o BNG Lugo e os veciños de Paradai non poden pagar continuamente a incompetencia de PP e PSOE
Lugo, a 21 de xaneiro de 2014. O BNG presentará unha iniciativa no Parlamento Galego para que a Xunta inicie as obras do Plan Paradai. Cosme Pombo asegurou que a Xunta de Galiza non fixo nada do Plan Paradai desde que Feijoo está como presidente, esta é a realidade. Pombo lembrou que a responsabilidade da execución destas obras é da Xunta e aos veciños e veciñas xa non lles valen desculpas de mal pagador. Pombo acusou ao presidente da Xunta de castigar continuamente a Lugo e ao concelleiro do PP, Jaime Castiñeira, de exercer de Delegado da Xunta en Lugo para crear confusión entre a xente e tratar de salvarlle a cara a Feijoo
Cosme Pombo dixo que Lugo e os veciños e veciñas de Paradai non poden pagar continuamente a incompetencia de PP e PSOE. Pombo dixo que o BNG presentará preguntas para averiguar cal é a razón para que as obras de Paradai continúen sen iniciarse. Segundo Cosme tanto Feijoo, como o conselleiro de infraestruturas como o delegado autonomeado, Jaime Castiñeira, están a rirse dos lucenses despois de mandar as maquinas a traballar durante unha semana, volver a paralizar a obra e agora botarlle as culpas ao concello de Lugo.
Para o BNG non é asumible por ninguén que o conselleiro diga unha cousa e que o edil, e tamén parlamentario, Jaime Castiñeira diga outra mentres as obras continúen paradas. Os nacionalistas pedirán no parlamento que o Conselleiro aclare cales son as causas técnicas da empresa, ás que se referiu o pasado venres en Lugo, para que as obras continúen paradas ou se realmente existe, tal e como dixo Castiñeira, un conflito entre Xunta e Concello que impida a continuación das obras.