O BNG DEFENDERÁ NO PLENO DO CONCELLO DE LUGO UNHA INICIATIVA CONTRA A LEI DO ABORTO

O BNG DEFENDERÁ NO PLENO DO CONCELLO DE LUGO UNHA INICIATIVA CONTRA A LEI DO ABORTO

IMG_2228 “Esta Lei do aborto supón a imposición daa moral católica imperante no PP a toda a sociedade” dixo Paz Abraira

Os nacionalistas iniciarán mañá unha campaña polo dereito a un aborto libre e gratuito

Lugo, a 20 de xaneiro de 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo deu conta da presentación dunha iniciativa para que a corporación do pleno do concello de Lugo rexeite o anteproxecto da Lei do aborto que o PP aprobou o 20 de decembro de 2013. Paz Abraira sinalou que “para o BNG é imprescindible que todas as institucións se manifesten contra este anteproxecto de Lei” xa que se trata “dun anteproxecto que elimina de raíz un dereito básico para todas as mulleres”. Abraira afirmou que este anteproxecto de Lei do Aborto, proposto polo PP, “representa un retroceso de décadas e que vulnera dereitos consolidados das mulleres no relativo á súa saúde sexual e reprodutiva”.

IMG_2233

Un dos elementos máis relevantes está dirixido á eliminación do suposto que prohibe abortar en caso de malformación do feto. Este é un exemplo máis que resulta aberrante xa que, segundo dixo Paz Abraira, “non é de recibo que pretendan que as mulleres leven a termo os embarazos de fetos que non son viables o que van nacer con discapacidades cando o PP está eliminando todo aquelo que ten que ver coa atención a persoas con discapacidade e coa lei de dependencia”. Elimínase, desta maneira, o suposto de malformación do feto ao tempo que se poñen trabas para poder abortar mesmo dentro dos supostos que se recoñecen. As mulleres de 16 e 17 anos que quixeren abortar deberán requirir o permiso do pai e da nai, tal como era antes do ano 2010.Paz Abraira afirmou que “o que lograramos no ano 2010 cun lei de prazos elimínase dun plumazo e, polo tanto, o dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo”. Para Abraira “o debate real está en se as mulleres teñen que estar, ou non, obrigadas a ser nais”. “Ninguén pode obrigar a unha muller a levar adiante un embarazo non desexado, e esto é o que quere facer o partido popular” dixo a edil nacionalista. Para o BNG esta lei do aborto implica unha imposición dos criterios morais do PP e a igrexa católica está detrás desta actuación. A nova lei do PP pretende aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos e do propio PP, que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios. Interromper o embarazo nas primeiras 14 semanas foi un dereito adquirido en 2010 e agora vai ser un delito.

Acto do BNG contra o anteproxecto de Lei do aborto

Os nacionalistas celebrarán mañá un acto ás 11:00 horas na Coruña no que o BNG presentará a súa campaña polo dereito ao aborto libre e gratuíto. Este acto servirá para esixirlle ao executivo de Madrid a retirada do anteproxecto de lei que o PP acaba de presentar. O acto, no que se despregará unha gran pancarta co lema "Aborto libre e gratuíto" desenvolverase na cidade da Coruña, concretamente no Centro de Especialidades do Ventorrillo e terá como obxectivo denunciar a imposibilidade de realizar abortos nos supostos incluídos na lei, na Sanidade Pública e pór de manifesto ás políticas do PP en Galiza en materia de sanidade. Un partido popular que, segunda Abraira, “leva anos lexislando contra os dereitos das mulleres, recortando en políticas de conciliacion, en dereitos laborais, eliminando a idea de coeducación e ofrecendo discursos que devolven as mulleres ao fogar”. Neste acto, ao que acudirá Paz Abraira, intervirán: Saleta Chao, responsábel de Acción Feminista na Executiva do BNG, Carme Adán, responsábel de Igualdade no Parlamento galego e Xavier Vence, portavoz nacional do BNG.

O BNG DEFENDERÁ NO PLENO DO CONCELLO DE LUGO UNHA INICIATIVA CONTRA A LEI DO ABORTO