O BNG DE LUGO DI QUE HAI CONFLUENCIA DE INTERESES ENTRE A MULTINACIONAL URBASER E O PSOE
Paz Abraira: É unha evidencia clara e notoria, insistimos, nesa confluencia de intereses que vai moito mais aló dun contrato de limpeza como o do Concello de Lugo.
O BNG esíxelle ao Goberno municipal que tome medidas legais e administrativas para rematar co conflito
As declaracións do señor Orozco sobre a promoción turística que aporta o conflito son un verdadeiro insulto para os cidadáns
Lugo, 31 de xullo 2014. A voceira do BNG no Concello de Lugo, Paz Abraira, afirmou que as ultimas declaracións do alcalde de Lugo, o socialista Lopez Orozco, dicindo que a folga de limpeza esta axudando á promoción turística da cidade de Lugo son un verdadeiro insulto para todos os cidadáns, e fundamentalmente para aqueles que viven do comercio e a hostalería. Para a nacionalista o feito que o alcalde se atreva a facer estas declaracións poñen de manifesto o desprezo que o señor Orozco sinte por esta cidade despois de tantos anos gobernando. Paz Abraira ironizou que dende logo, a ineptitude do alcalde de Lugo, o señor Orozco, e a do Portavoz do Goberno municipal e do Partido Socialista en Lugo, o señor Luis Álvarez, son coñecidas xa en todo o país.
Para o BNG que logo de 50 días de folga de limpeza o Goberno municipal non teña adoptado ningunha medida de carácter legal ou administrativo contra Urbaser non fai mais que ratificar a sensación xeneralizada que existe entre os veciños de que existen intereses coincidente entre Urbaser e o PSOE. Está claro, cando menos para o BNG dixo Paz Abraira - a confluencia de intereses entre o Partido Socialista e a multinacional Urbaser. Dende logo o feito de que o Goberno municipal socialista non adopte medidas tanto administrativas como legais ante o incumprimento da empresa Urbaser do convenio da limpeza, e que non os obrigue a buscarlle unha solución negociada a este conflito que dura xa mais de 50 días é unha evidencia clara e notoria, insistimos, nesa confluencia de intereses que vai moito mais aló dun contrato de limpeza como o do Concello de Lugo.
Para o BNG os reiterados anuncios de medidas disciplinares contra a empresa por parte do Goberno municipal non foron mais que unha argucia do PSOE para non quedar en evidencia diante dos veciños de Lugo, cando as súas verdadeiras pretensións son que a folga non lle pase factura á multinacional.
O BNG de Lugo volveu a insistir en que resulta imprescindible que o Goberno municipal adopte medidas administrativas e legais contra a empresa Urbaser por incumprimento de contrato que ten co Concello e que se paga con cartos públicos, ante a súa negativa a chegar a un acordo negociado que resolva definitivamente un conflito laboral que está afectando de maneira moi grave á nosa cidade. De non ser así confirmaríanse as sospeitas que xa ten todo Lugo sobre a confluencia de intereses entre a empresa e o Partido Socialista dixo Paz Abraira.