O BNG ORGANIZOU EN LUGO UN ACTO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Este acto tivo como obxectivo denunciar as actitudes machistas que son o paso previo aos episodios de violencia de xénero
O acto convocado polo BNG está vencellado á celebración do 25 de novembro como día mundial contra a violencia de xénero
Lugo, 21 de novembro 2014. O BNG convocou en Lugo un acto contra a violencia machista. Neste acto, celebrado na praza Maior, simbolizaronse as siluetas de mulleres mortas e maltratadas para lembrarlle á sociedade que esta lacra está presente no noso día a día. O acto pechouse coa proxección dun vídeo editado polo BNG de Lugo sobre as consecuencias da violencia machista.
A responsábel comarcal do BNG de Lugo, Esther López, sinalou que este acto está enmarcado dentro dunha campaña impulsada polo BNG en todas as vilas e cidades galegas e que leva por lema Rompendo cadeados. Quen te amarra non te quere. Esther López explicou que a escolla do lema ten que ver coa moda de moitos namorados e namoradas de prender nas pontes cadeados simulando o amor. Para a responsábel do BNG, esta simboloxía semella o control e falta de liberdade que algúns homes queren impoñer a súa parella.
Esther López, tras criticar as altas cifras de vítimas da violencia machista e comportamentos que a perpetúan asegurou que violencia contra as mulleres non só é a referida a golpes, hai patróns de conduta, dixo, que deben ser erradicados e debemos permanecer moi atentas porque están normalizados na nosa vida diaria. Esta campaña, explicou percorrerá Galiza con diferentes actos, conferencias e coloquios e vai acompañada de reclamacións nos concellos galegos e no Parlamento.
Dende o BNG demandaron un plan xeral de coeducación e accións para desenvolver unha formación específica para o profesorado baixo a perspectiva de xénero, dotar economicamente ás mulleres vítimas de violencia durante todo o ano para posibilitar a súa independencia real, dotar os xulgados con especialidade de violencia de xénero, incluír a persoas menores e persoas ao seu cargo como vítimas da violencia machista, apoio ao asociacionismo feminino e rede de mulleres contra os malos tratos, un plan de formación para o persoal sanitario e que o presidente da Xunta cumpra a súa promesa sobre o plan feminino de emprego prioritario para as mulleres vítimas de violencia machista.
O machismo está naturalizado sobre todo na xente moza
Esther López recalcou que as medidas contra a violencia de xénero deben ser unha prioridade política para o Goberno galego polo que reclamou desenvolver a Lei galega de tratamento e prevención da violencia machista ademais de implantar medidas especificas de concienciación social para rematar coas desigualdades que condenan ás mulleres a seren agredidas.