O BNG PIDE A IMPLANTACIÓN DE SOFTWARE LIBRE NO CONCELLO DE LUGO

O BNG PIDE A IMPLANTACIÓN DE SOFTWARE LIBRE NO CONCELLO DE LUGO

IMG_6372O pago de licencias informáticas supuxo un gasto de máis de 750.000 € dende o ano 2011 ata hoxe

Os nacionalistas presentarán unha moción para ser tratada no vindeiro pleno da corporación

Lugo, 24 de novembro 2014. O BNG defenderá no vindeiro pleno do concello de Lugo unha moción para pedir a implantación de software libre nos sistemas informáticos das dependencias que dependan do concello. Cristina Ferreiro asegurou que “o uso de software privativo é ineficiente para as institucións públicas, sobre todo debido ao alto custo que hai soportar polo pago das licenzas”. Ademais do custo das licenzas, que no caso do concello de Lugo ronda os 200.000 € anuais, tamén existen dificultades de adaptación ás necesidades concretas do Concello.

A través desta moción o BNG reclama que o goberno municipal adopte as medidas necesarias para deseñar e aprobar antes do remate deste mandato un plan de migración dos sistemas informáticos do Concello suxeitos a licenza de xeito que non haxa necesidade de renovalas ou de facelo haxa xa un calendario de substitución. Ademais os nacionalistas tamén pretenden que o goberno local elabore un plan de investimentos en desenvolvemento de software de código aberto cos aforros producidos polas licenzas que non se renovan, que teña en consideración as empresas TIC locais e/ou galegas.

Ferreiro asegurou que o actual modelo de xestión informática do concello de Lugo xenera dependencia tecnolóxica das multinacionais. Cristina Ferreiro sinalou que “os 750.000 € que o concello de Lugo pagou nestes 3 últimos anos foron parar a miles de kilómetros e non tiveron repercusión económica nin xeraron emprego na localidade”. Ademais os software deseñado por multinacionais ten, tamén, dificultades para o desenvolvemento do traballo en idioma galego.

Ferreiro explicou que existen alternativas ao uso de software privativo que están xa en marcha en moitos lugares. O uso de ferramentas de código aberto e sen custo de licenza xunto co desenvolvemento de solucións xeneradas en clave local sobre esas ferramentas, permiten aforrar no custo total, pero sobre todo permiten unha mellor adecuación ás necesidades dos concellos e xeneran impacto local en emprego e creación de riqueza e coñecemento.

Para o BNG “as institucións públicas son un eido privilexiado de desenvolvemento destas iniciativas e máis que nunca en momentos de crise onde a non dependencia e a capacidade de innovación deben ser motor de sustentabilidade e creación de emprego”.

O BNG PIDE A IMPLANTACIÓN DE SOFTWARE LIBRE NO CONCELLO DE LUGO