O BNG PIDE QUE SE REPOÑA A PLACA DA ÁRBORE DA PRAZA MAIOR COLOCADA TRAS A TALA DOS NEGRILLOS
É unha mostra máis do desleixo do goberno municipal que non teñan capacidade nin para repoñer unha placa na praza Maior da cidade dixo Cristina Ferreiro
A placa fora colocada sobre o tronco desecado dun dos negrillos que foron talados no fondo da praza Maior tras a remodelación da mesma no ano 2003
Lugo, 25 de novembro 2014. A edil do BNG no concello de Lugo, Cristina Ferreiro, pediu que se volva a colocar a placa conmemorativa das obras de remodelación da praza Maior. Esta placa estaba situada nun tronco de negrillo desecado e foi instalada no ano 2003 cando remataron as obras de remodelación da praza Maior. Cristina Ferreiro dixo que é unha mostra máis do desleixo do goberno municipal que non teñan capacidade nin para repoñer unha placa na praza Maior da cidade.
A edil nacionalista dixo que a placa xa leva tempo desaparecida da súa ubicación orixinal e o goberno municipal xa tivo tempo dabondo para a súa substitución non é comprensible que se desatenda deste xeito unha das zonas máis visitadas da cidade afirmou Ferreiro. Cristina Ferreiro lembrou que a tala dos olmos negrillos do fondo da Praza Maior fora motivada por unha enfermidade.