O BNG PEDIRÁ NO PLENO DO CONCELLO A PARALIZACIÓN DAS OBRAS DA GASOLINEIRA DE CARREFOUR

O BNG PEDIRÁ NO PLENO DO CONCELLO A PARALIZACIÓN DAS OBRAS DA GASOLINEIRA DE CARREFOUR

IMG_5851“Agardamos que as recentes declaracións, en contra de gasolineira, de significados membros do PP e do PSOE con responsabilidades na Xunta e no Concello se plasmen en feitos” dixo Abraira

Os nacionalistas pedirán o acordo para que se apliquen todas as medidas administrativas e xudiciais necesarias para  impedir a instalación da gasolineira nas inmediacións do río Miño

Lugo, 26 de novembro 2014. O BNG levará ao vindeiro pleno do concello de Lugo unha moción para demandar da Confederación Hidrográfica, da Xunta de Galiza e do Concello de Lugo que adopten no menor prazo de tempo posíbel todas as medidas administrativas e xudiciais ao seu alcance para impedir a instalación desta estación de servizo nas inmediacións do río Miño. Paz Abraira lembrou que “a Xunta de Galiza, o Goberno do estado e o Concello de Lugo emitiron, a través dos organismos correspondentes, as licenzas preceptivas e os informes necesarios para que a multinacional propietaria do centro comercial de As Saamasas poida instalar unha área de servizo no aparcadoiro”.

Paz Abraira referiuse ás recentes declaracións do Director Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galiza e ao que xa teñen manifestado diferentes membros do goberno municipal de Lugo sobre a súa oposición á instalación desta gasolineira. “Agardamos que as recentes declaracións, en contra de gasolineira, de significados membros do PP e do PSOE con responsabilidades na Xunta e no Concello se plasmen en feitos” dixo Abraira.

As obras comezaron sen que ningunha administración intentase buscar a maneira legal de impedir a instalación dunha estación de servizo nunha zona de altísimo valor ambiental e social e que pode causar un elevado risco de contaminación para o río Miño, un risco innecesario e superfluo que nada lle aporta ao concello de Lugo. Esta situación prodúcese a pesares de que no mes de setembro o pleno da Corporación do concello de Lugo aprobou unha iniciativa do BNG na que se rexeitaba esta instalación e se acadaba o compromiso de estudar e aplicar as fórmulas legais dispoñibles para paralizar as obras de construción desta área de servizo.

O concello de Lugo concedeu, no mes de xullo, a licenza de obra para a construción dunha estación de servizo vinculada ao hipermercado Carrefour. Para esta instalación a promotora conta coa autorización da Confederación Hidrográfica Miño – Sil e co correspondente informe da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza. A construción desta estación de servizo e a concesión da correspondente licenza está amparada no establecido na Lei estatal 11/2013 de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e na Lei 9/2013 de competitividade de Galiza, lexislación que unicamente defende os intereses do capital especulativo e actua en favor das grandes cadeas comerciais pasando por riba da protección ambiental choca frontalmente, en casos coma este, coa preservación de espazos naturais necesarios como é o caso do rio Miño e o seu entorno.

O BNG PEDIRÁ NO PLENO DO CONCELLO A PARALIZACIÓN DAS OBRAS DA GASOLINEIRA DE CARREFOUR