O BNG PEDIRÁ A REDUCIÓN DO IVE DAS PERRUQUERÍAS
Os nacionalistas soliciatarán no pleno do concello de Lugo, a través dunha moción, que o IVE volte ao 8% inicial e non se aplique o actual 21 %.
Máis de 100 establecementos pecharon na provincia de Lugo dende que se aplicou esta subida explicou Miriam Souto como representante da Asociación Provincial de Perruquerías Pelirrojas
Lugo, 4 de abril, 2014. O BNG levará ao pleno do concello de Lugo unha proposición para que a corporación inste ao goberno a unha rebaixa do IVE que se aplica ás perruquerías. Os nacionalistas soliciatarán que o IVE volte ao 8% inicial e non se aplique o actual 21 %. Hoxe compareceron a edil do BNG, Cristina Ferreiro, e Miriam Souto como representante da Asociación Provincial de Perruquerías "Pelirrojas" que explicaron que nos últimos 2 anos foron máis de 100 perruquerías as que se viron obrigadas a pechar na provincia de Lugo.
O concello de Lugo conta con preto de 200 establecementos relacionados con este sector. Segundo explicou Cristina Ferreiro trátase dun sector, de importante actividade económica, que xera moitos postos de traballo e posúe un gran dinamismo. No momento no que o PP impuxo un incremento do IVE abusivo foron os propios profesionais os que decidiron absorver esta subida xa que eran sabedores que non lle podían trasladar esta carga á súa clientela.
O BNG xa presentara no Congreso dos Deputados unha iniciativa o 11 de setembro do ano 2012 para manifestar a súa oposición a aquel incremento brutal do IVE no referido aos salóns de peiteado e agora, neste mes de marzo, volvemos novamente a manifestar a nosa oposición a esta medida e a demandar do goberno do PP no Estado español a rebaixa do IVE.
A gravidade do feito está a provocar o peche de moitos estabelecementos, a perda de postos de traballo e a perda de clientes pola contención do consumo pola forte suba final do prezo nas perruquerías. As nefastas consecuencias económicas dese aumento porcentual do 13% do IVE nesta actividade xa levaron a persoas afectadas pola medida a manifestaren o seu malestar en varias cidades como A Coruña, Vigo, Lugo ou Ourense, coa entrega de sinaturas nas delegacións da Axencia Tributaria en contra do 21% do IVE.
Segundo os datos do sector, o pasado 2013 pecharon 8.000 salóns de perruquería e estética no conxunto do Estado español, e as previsións indican para este ano o peche de preto de 6.000 negocios máis. Para alén disto, as ameazas que desprende o informe de reforma fiscal do chamado comité de expertos auguran o intento de novas subas do IVE de até o 23%. Tamén hai que lembrar que o IVE reducido neste sector comezou a aplicarse con carácter inicial experimental e temporal no ano 2000, tras modificar a lei do Imposto sobre o Valor Engadido e, despois de sucesivas prórrogas, rematou por se converter en definitiva no ano 2010.