O BNG PIDE 850.000 € DOS REMANENTES MUNICIPAIS PARA ANTENDER ÁS PERSOAS

O BNG PIDE 850.000 € DOS REMANENTES MUNICIPAIS PARA ANTENDER ÁS PERSOAS

Un plan de “emerxencia económica” e os servizos sociais centran as propostas dos nacionalistas

Antón Bao dixo que “o concello debe crear unha pequena banca pública municipal para crear emprego e dar crédito a autónomos e pequenas empresas” e engadiu que “se hai cartos para fútbol ten que habelos para a xente”

Lugo, a 1 de xuño de 2013. O BNG condicionará o seu apoio á aprobación dos investimentos para os remanentes municipais do concello de Lugo a que o goberno municipal destine 850.000 € a incrementar os fondos dos servizos sociais municipais e a crear o que Antón Bao definiu como “plan de emerxencia económica”. O goberno municipal terá que buscar destino para os 2.400.000 € resultantes de restar os 600.000 € das accións do Lugo aos 3.000.000 € de remanentes iniciais resultantes de exercicios orzamentarios anteriores. O BNG ven de anunciar que unha boa parte terán que ir destinados a “atender as prioridades da xente, crear emprego, e  dar crédito a pequenas empresas e autónomos”.

O voceiro do BNG, Antón Bao, dixo que o BNG lle presentará un plan ao goberno municipal para crear liñas de fomento do emprego e unha liña de emerxencia económica. Esta última partida funcionaría, segundo Antón Bao, como unha pequena banca pública municipal para dar crédito e liquidez aos autónomos e pequenas empresas que neste momento non teñen acceso a créditos bancarios. Antón Bao dixo que “o concello debe crear unha pequena banca pública municipal para dar crédito a autónomos e pequenas empresas” e engadiu que “se hai cartos para fútbol ten que habelos para a xente”.

Para esta liña de emerxencia económica e fomento do emprego o BNG esixirá que o Concello destine unha partida de 500.000 €. Outros 350.000 € deberán ir destinados a duplicar as cantidades asignadas, nestes momentos, a emerxencia social e ao programa de bolsas de alugueiro de vivenda. Bao asegurou que “neste momento os dous problemas máis importantes que ten a xente en Lugo son a carencia de emprego e manter a súa vivenda e os gastos que dela derivan”.

Plan de apoio ao Emprego

O BNG plantexa que o concello estableza un plan de apoio ao emprego centrado en dous eixos fundamentais: icentivar a formación para persoas desempregadas e establecer unha liña de axudas para fomentar a contratación. Segundo Antón Bao o BNG propón que o concello cree unha liña de axuda económica pola cal se incentive a contratación de persoal desempregado, de Lugo, en situación de risco de exclusión social, discapacitados e membros de familias desestruturadas. En canto aos programas de formación a desenvolver polo concello deberán de cubrir aqueles baleiros que, neste momento, ten a formación prevista para desempregados e dependente da Xunta e do Estado. O concello deberá de programar accións formativas dirixidas a adquisición de competencias claves para os maiores de 30 anos que se atopen en situación de desemprego. O concello ten competencias para certificar este tipo de formación e resulta clave para que moitas persoas poidan sair da situación de desemprego na que se atopan.

Plan de Emerxencia Económica

Para o BNG é necesario, e será condición necesaria para que os nacionalistas den o seu apoio ao plan de investimentos, que o concello utilice parte destes fondos de remanentes para crear un plan que Antón Bao denominou como de “emerxencia económica”. A este plan o goberno municipal debería destinar un total de 500.000 € que lle permitirían, segundo Antón Bao, “actuar como unha pequena banca pública que lles permita obter liquidez aos autónomos e ás pequenas empresas que tanto o precisan”. Antón Bao dixo, tamén, que “o concello non poderá usar evasivas de tipo legal ou técnico despois do precendente que acaba de sentar co préstamo de 600.000 € para que o CD Lugo se converta en SAD”.

Os créditos, concedidos dende o concello, terán un límite e económico e os beneficiarios non terán a obriga de abonar xuros. Ademais para obter estes préstamos as empresas e autónomos deberán de contar con tódalas facilidades á hora de avalalos e mesmo o concello poderá eximir de avais aos beneficiarios dos préstamos. O préstamos terán como obxectivos financiar novos proxectos empresariais ou ben dotar de liquidez a aquelas empresas e autónomos que teñan dificultades de liquidez económica para manter a súa actividade.

 

 

O BNG PIDE 850.000 € DOS REMANENTES MUNICIPAIS PARA ANTENDER ÁS PERSOAS