O BNG PROGRAMA DIVERSOS ACTOS ARREDOR DO DÍA DO MEDIO AMBIENTE

O BNG PROGRAMA DIVERSOS ACTOS ARREDOR DO DÍA DO MEDIO AMBIENTE

Un roteiro no concello de Baralla, contra o proxecto de mega-minaría, e a aposta polo consumo dos produtos do país centrarán a campaña

“O BNG afondará en defender a terra mentres outros apostan por afondar na terra e coverter o País nun burato” dixo Alexandre Penas que cualificou aos dirixentes do PP na Xunta como “sicarios  do neoliberalismo máis rancio”

Lugo, a 3 de xuño de 2013. O BNG de Lugo ten previsto realizar diversos actos arredor do día do Medio Ambiente segundo anunciaron hoxe a responsábel comarcal, Esther López, e o responsábel local, Alexandre Penas. Os nacionalistas iniciarán na tarde mañá, martes, esta campaña cunha visita simbólica ao mercado do terra que se celebra todas as semanas no Mercado Municipal de Lugo e no que se comercializan produtos ecolóxicos e procedentes dos mercados locais.

Outro dos actos centrais da campaña será un roteiro que o BNG organiza para este domingo, 9 de xuño, polo Val de Neira no Concello de Baralla. Con este roteiro o BNG quere, segundo Alex Penas, “reivindicar a defensa deste entorno contra as pretensións dunha multinacional para implantar unha mina, a ceo aberto, na comarca”.

Sobre a implantación dos mega-proxectos mineiros Alexandre Penas dixo que “o BNG afondará en defender a terra mentres outros apostan por afondar na terra e converter o País nun burato” e cualificou aos actuais dirixentes do PP na Xunta como “sicarios  do neoliberalismo máis rancio”.

Alexandre Penas, responsábel local do BNG de Lugo,  explicou que o BNG planificou esta campaña arredor do 5 de xuño, día mundial do Medio Ambiente, que este ano leva por lema PENSA, ALIMÉNTATE. AFORRA. Penas sinalou que “en tempos de crise, Galiza é capaz de autoabastecerse con productos agro-gandeiros de primeira calidade, e isto pode ser clave para o desenvolvemento económico dos nosos gandeiros e agricultores”.

Por outra banda a responsábel comarcal do BNG, Esther López, explicou que neste momento a Xunta de Galiza ten en período de exposición pública o proxecto para a unha megaexplotación a ceo aberto nos concellos de Baralla, Baleira, Becerreá e A Fonsagrada. Esther López animou a todas as persoas e colectivos a presentar as correspondentes alegacións ante este macro proxecto presentado por unha multinacional canadense. Esther López acusou ao goberno do PP na Xunta de “vender o noso país a parceliñas”. E dixo que se estaba utilizando a mentira “vendendo” a creación de postos de traballo cando en realidade se está a exterminar o medio de vida existente.

López dixo que “as iniciativas de empresas foráneas para desenrolar proxectos de mega-minería están en diferentes fases e exemplos desto son: Corcoesto, Cartelle, A Limia e Castrelo de Miño ”. Esther López puxo como exemplo do rexeitamento social a este tipo de explotacións mineiras a aprobación, no concello de Baralla, dunha moción contra este proxecto que foi aprobada por todos os grupos políticos.

Os datos

Na zona do Val do Neira proxectase unha explotación a ceo aberto de ouro, prata, zinc, chumbo e cobre nos concellos de Baralla, Baleira, Becerreá e A Fonsagrada. O proxecto contempla a ocupación de máis de 11.000 hectáreas de terreo correspondentes a 396 cuadrículas mineiras (1 cuadrícula = a 30 has.). A explotación mineira afectaría a dúas reservas da biosfera, Terras do Miño e río Eo – Oscos – Burón, e a un LIC (Lugar de Interese Comunitario). A extración de 1kgr. de ouro precisa da utilización 128 kgr. de cianuro no proceso e produciranse máis de 4.000 tm. de escombros.

O BNG PROGRAMA DIVERSOS ACTOS ARREDOR DO DÍA DO MEDIO AMBIENTE