O BNG PIDE QUE SE DIFUNDA A INFORMACIÓN DAS ACTIVIDADES CULTURAIS
Cristina Ferreiro dixo que o goberno municipal non aproveita os medios de difusión dos que dispón para a difusión das actividades culturais a pesar de que algúns supoñen un custo
O concello emite semanalmente un boletín de información cultural que non aparece reflectido nas aplicacións de Lugoturismo nin na web municipal nin no servizo de información 010
Lugo, 15
de xaneiro de 2015. O BNG lamentou que o goberno municipal socialista non optimice os recursos dos que dispón para difundir a actividade cultural. Toda a actividade cultural que se xenera en Lugo tamén é un atractivo turística para as persoas que nos visitan afirmou Cristina Ferreiro. A edil do BNG dixo que o BNG presentará un rogo pedindo que se difunda toda a actividade cultural que se recolle no boletín infocultural que emite a área de cultura a través do maior número de ferramentas de difusión do que dispoña este concello.
Ferreiro explicou que o concello de Lugo, dende a súa área de cultura, promoción da lingua, turismo e xuventude, emite semanalmente un boletín de información cultural que recolle gran parte da actividade cultural que se celebra na cidade. Este traballo, feito de xeito coordinado con outras institucións, resulta de grande interés para a difusión dos eventos culturais que acontecen no noso concello afirmou a edil do BNG que engadiu que esta información no aparece na aplicación para dispositivos móbiles de Lugoturismo nin na web do concello.
Cristina Ferreiro dixo que en moitos casos os visitantes queren ver, de xeito inmediato, cales son as actividades das que poden disfrutar no mesmo día no que chegan á cidade e nos días que permanecen en Lugo ademais o concello de Lugo conta con outros servizos de difusión de información como é o caso dos avisos que se envian a través do 010 ou as listaxes de persoas que participan en diferentes actividades promovidas dende o concello como é o caso do alumnado da Escola Municipal de Música.
Para o BNG resulta extraño que non se teña optimizado a xestión da difusión da ampla oferta cultural da cidade dado que é a mesma concellería a responsable da emisión do boletín infocultural e da promoción turística da cidade. Cristina Ferreiro dixo que o goberno municipal non aproveita os medios de difusión dos que dispón para a difusión das actividades culturais a pesar de que algúns supoñen un custo.