O BNG PREGUNTA NO PARLAMENTO POLA DECLARACIÓN DE BIC DA COLECCIÓN DE ÁLVARO GIL
Cosme Pombo preguntou á Dirección Xeral de Patrimonio se ten localizada a actual ubicación das pezas e se está sendo controlado o seu estado de conservación
Os nacionalistas lembran que a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia no artigo 2 e o 1.4 di que a administración autonómica procurará o retorno a Galiza daqueles bens especialmente representativos do noso patrimonio cultural que se atopen fóra dela
Lugo a 2 de xaneiro de 2014. O grupo parlamentar do BNG presentou unha batería de preguntas, dirixidas ao goberno galego, para clarificar cales son as actuacións que se están seguindo despois da incoación do expedente de Ben de Interese Cultural dos depósitos de D. Alvaro Gil Varela levados do Museo Provincial de Lugo. Estes depósitos foron levantados, tras sentencia xudicial, por herdeiros deste mecenas do museo de Lugo o pasado 24 de outubro. Entre as pezas levantadas inclúense bens mobles de importancia singular para a historia e o patrimonio cultural de Galiza.
O Grupo Parlamentar do BNG dirixiuse ao goberno da Xunta para saber se xa se ten aplicado o réxime de protección previsto na Lei para os bens sometidos a esta protección. Cosme Pombo informou que esta protección non somentes debe ser notificada, de xeito oficial, á familia de D. Álvaro Gil Varela se non que tamén afecta ao concello correspondente onde se localizan, na actualidade, estes bens. Sobre o desenvolvemento do expedente os nacionalistas interesáronse por saber se a Xunta de Galicia ten previsto esgotar o máximo de 20 meses, a partir da incoación do expediente, que establece a lei para a declaración BIC e se a colección de ourivería de Gil Varela xa está inscrita no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.
A respecto da colección de ourivería antiga, a Xunta de Galiza iniciou un expediente BIC. A incoación deste expediente implica que todas as pezas, incluidas no expedente, están sometidas ás disposicións legais preceptivas e os actuais propietarios deben acatalas. Segundo queda reflexado nas disposicións da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia e o resto da normativa legal vixente en materia de protección do patrimonio cultural galego, e citando concretamente o artigo 2 e o 1.4: A administración autonómica procurará o retorno a Galicia daqueles bens especialmente representativos do noso patrimonio cultural que se atopen fóra dela. A colección de ourivería permaneceu exposta case corenta anos no Museo Provincial de Lugo converténdose nun referente fundamental para o patrimonio cultural galego e incluso en parte da propia imaxe da institución museística dependente da Deputación de Lugo.
Control das pezas e actual ubicación
Cosme Pombo explicou que, unha vez iniciado o expedente de BIC, as pezas que forman parte do mesmo deben de estar sometidas ao control da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza. Outra das preguntas dos nacionalistas está dirixida a saber onde foi depositada a devandita colección despois do levantamento do Museo Provincial de Lugo e se segue no mesmo sitio neste intre. O BNG interesouse por saber se a Xunta lle comunicou á familia de Gil Varela os actos xurídicos e técnicos que afectan á colección e se a Xunta tivo algún contacto cos herdeiros de Álvaro Gil con fin de que a colección quedase en Galiza e en que sentido. Ademais dende o BNG indicaron que a Dirección Xeral de Patrimonio debe realizar inspeccións periódicas de control da colección para cerciorarse da situación das pezas mentres dure a incoación do expediente e a coleción debe estar en condicións de facilitar a súa visita pública e o acceso a investigadores.