O BNG PREGUNTOU POLOS PROGRAMAS DE PREVENCIÓN DE MALNUTRICIÓN DE MENORES NO CONCELLO DE LUGO

O BNG PREGUNTOU POLOS PROGRAMAS DE PREVENCIÓN DE MALNUTRICIÓN DE MENORES NO CONCELLO DE LUGO

fotos 283_RCristina Ferreiro presentou unha pregunta para saber que medios destinou a Xunta de Galiza, para estes programas, no concello de Lugo mentres permanecen pechados os comedores escolares

Dende o BNG lembraron que o goberno do estado anunciarase o reparto dun total de 17 millóns de euros entre as comunidades autónomas para este verán

O pleno municipal de Lugo aprobou por unanimidade, o pasado mes xuño, unha iniciativa dos nacionalistas para solicitar da Xunta medios para previr as carencias alimenticias entre os menores

Lugo, 5 de agosto 2014. A edil do BNG no Concello de Lugo, Cristina Ferreiro, presentou unha serie de preguntas para coñecer cales foron os medios que a Xunta de Galiza lle facilitou ao concello de Lugo para a posta en marcha, durante o verán, de programas de prevención da malnutrición infantil. Cristina Ferreiro dixo que “queremos saber cales foron, se as houbo, as medidas que se aplicaron despois de que o pleno do concello aprobara por unanimidade a iniciativa do BNG neste senso”. Ferreiro sinalou que “o peche dos comedores escolares, coa finalización do curso, supón que, en moitos casos, se agrave a situación de precariedade na que viven moitos nenos e nenas e queremos saber como afecta esta circunstancia aos escolares no concello de Lugo”.

A corporación municipal de Lugo aprobara por unanimidade, no pleno do pasado 30 de xuño, unha iniciativa dos nacionalistas na que se reclamaba que a Xunta de Galiza puxera os medios necesarios para que, en colaboración co concello de Lugo, previr que durante o verán non se agravara a situación de precariedade de nenos e nenas lucenses en canto á súa alimentación por mor do peche dos comedores escolares.

Dende o BNG lembraron que o ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade anunciara a súa intención de asignar un total de 17 millóns de euros entre as comunidades autónomas para proxectos destinados a paliar a pobreza infantil. Contemplábase dentro desta partida e segundo explicou a ministra naquel momento, a apertura de comedores escolares durante o verán nas Comunidades Autónomas. No concello de Lugo son catro os centros que contan con servizo de comedor xestionado pola propia Xunta de Galiza: o colexio Manuel Mallo Mallo de Nadela, o colexio Virxe da Soidade (Gándaras), o colexio da Ponte e o colexio de Casás. Noutros colexios públicos do concello de Lugo o servizo de comedor é prestado polo propio Concello.

O BNG PREGUNTOU POLOS PROGRAMAS DE PREVENCIÓN DE MALNUTRICIÓN DE MENORES NO CONCELLO DE LUGO