O BNG PRESENTOU A CAMPAÑA REFORMA DOS CONCELLOS:RUINA PARA A CIDADANÍA

O BNG PRESENTOU A CAMPAÑA REFORMA DOS CONCELLOS:RUINA PARA A CIDADANÍA

O BNG amosa, con esta campaña, o seu total rexeitamento á proposta de reforma da administración local

Para os nacionalistas esta reforma pretende concentrar os servizos para entregalos, como negocio, ás grandes empresas

LUGO, 16 de outubro de 2013. O BNG presentou, en Lugo, a campaña REFORMA DOS CONCELLOS: RUINA PARA A CIDADANÍA. O BNG desenvolverá esta campaña en toda Galiza e en Lugo foi presentada pola Tenente-Alcalde do Concello de A Pastoriza, Elba Carrera, e polo concelleiro no Corgo e Deputado Provincial Mario Outeiro. Os nacionalistas pretenden advertir sobre o perigo que supón a anunciada reforma da administración local para todos os concellos de menos de 20.000 habitantes que en Lugo son todos menos os da capital.

O BNG denuncia que a intención desta reforma é a de concentrar os servizos para privatizalos. Na súa intervención, Elba Carreira asegurou que “a reforma contempla moitos apartados negativos para os habitantes dos concellos do noso país aínda que, dende o PP, so se está a trasladar a mensaxe de que esta reforma vai dirixida a regular os salarios dos alcaldes”. Para a Tenente-Alcalde do Concello de A Pastoriza esta proposta de reforma “valeira os concellos de contidos e de persoas”.

Un exemplo é a retirada dos servizos sociais que son xestionados dende os propios concellos e esto supón un grande beneficio para as persoas pola proximidade que lles garante. Segundo a edil nacionalista “a reforma afectará non so aos veciños senon que repercutirá na economía das localidades ás que a xente se achega aos concellos para solicitar os servizos”. A reforma fará practicamente inviable que os concellos poidan prestar servizos como as actividades de ámbito cultural, deportivo, gardería, centros de día, residencias para maiores, etc...

Para o concelleido do BNG no Corgo e Deputado Provincial, Mario Outeiro, “resulta inaceptable que o PP impoña esta reforma nun proceso cabo sen debate previo e sen ningún consenso”. Outeiro afirmou que “practicamente todos os alcaldes son contrarios a esta reforma independentemente da súa cor política, incluso os do PP que falan coa boca pequena”.

Centralización

Para Mario Outeiro esta reforma está centrada na aplicación de dous principios básicos para o PP como son a centralización e a privatización. Unha centralización a nivel estatal que lles roubará competencias aos concellos e aos gobernos autonómicos, reforzando as deputacións e alonxando os servizos das persoas. Un proceso de centralización que, segundo Mario Outeiro, se ve reflexado tamén na eliminación dos partidos xudiciais, o baleirado de competencias das delegacións de facenda da vilas, ou a creación das áreas de xestión integrada sanitaria.

Privatización

Segundo Mario Outeiro “con esta centralización dos servizos nas deputación o PP tentará poñerlle en bandexa ás grandes empresas privadas os servizos que agora veñen prestando os concellos”. Trátase dunha privatización de servizos obrigada por esta reforma da administración local. Para Outeiro “a reforma levará, no caso de Lugo, a algo que está no ADN do PP que é a desertización do rural. Converterán a provincia de Lugo nun gran parque natural sen persoas”.

Finanzamento Local

Esta reforma non implica para nada o finanzamento da administración local atendendo aos datos de envellecemento e dispersión. O concellos galegos teñen menos ingresos por habitante que os do resto do estado. O PP está obsesionado co control do deficit e os concellos non son os que provocaron o disparo da débeda pública e polo tanto non son eles os que teñen que pagar o déficit e o saneamento da banca privada.

Mario outeiro lembrou que o endebedamento do estado  non é responsabilidade dos concellos xa que 600 mil millóns de euros corresponden á débeda do estado, 150 mil millóns de euros corresponden á débeda das comunidades autónomas e somentes 36 mil millóns de euros corresponden á débeda dos concellos, dos cales 6.500 millóns é a débeda do concello de Madrid que goberna o PP.

O BNG PRESENTOU A CAMPAÑA REFORMA DOS CONCELLOS:RUINA PARA A CIDADANÍA