O BNG PROPÓN UNHA NOVA POLÍTICA CONTRIBUTIVA NO CONCELLO DE LUGO

O BNG PROPÓN UNHA NOVA POLÍTICA CONTRIBUTIVA NO CONCELLO DE LUGO

As modificacións que propón o BNG, segundo dixo Antón Bao, “teñen que servir para axudar aos que pouco ou nada teñen, gravando aos que máis teñen”

Reducións do 100% nalgunhas taxas municipais para o caso de parados, pensionistas, asalariados ou autónomos en función dos ingresos

LUGO, 15 de outubro de 2013. O voceiro do BNG no concello de Lugo presentou as propostas do BNG para modificar a política contributiva municipal. Os nacionalistas teñen analizado nos últimos tempos a necesidade de facer unha proposta en materia contributiva no Concello de Lugo que atenda á realidade social e económica actual. Para o voceiro do BNG no concello de Lugo, Antón Bao, “trátase, pois, de elaborarmos unha proposta que teña como obxectivos unha maior progresividade fiscal de xeito que pague máis quen ten máis e impulsar a actividade económica a partir das exencións,  gravames, bonificacións e reducións, posibles nas ordenanzas fiscais e nos prezos e taxas públicos”.

Cunha crise económica agravada polas decisións políticas que ataca constantemente ás maiorías sociais, é preciso actuar dende o concello facendo axustes na política contributiva. Política que favoreza aos que están acusando gravemente os efectos desas decisións, vinculándoa á situación real de cadaquén, ao nivel de ingresos do contribuínte e a todas aquelas cuestións precisas para acadarmos un sistema máis xusto socialmente e, na medida do posible, xerar actividade económica e creación de emprego. As propostas do BNG inciden na exención e/ou bonificacións para os colectivos máis desfavorecidos. Estas medidas deben abranguer sobre todo á maior carga impositiva que aplica o concello: IBI, Auga, RSU.

O total dos ingresos do concello de Lugo por recadación contributiva constitúen aproximadamente un 60% do actual orzamento municipal e o BNG vai establecer unha serie de propostas para modificar impostos, taxas e prezos públicos. Os obxectivos destas propostas de modificación, segundo explicou Antón Bao pasan por “atacar directamente as directrices políticas imperantes de austeridade, déficit, eliminación de servizos públicos, atracar aos máis desfavorecidos e aumentar a pobreza a golpe de decreto ”. A política contributiva do concello de Lugo, segundo dixo Bao, “ten que servir para axudar aos que pouco ou nada teñen, e gravando aos que máis teñen”.

Para o BNG compre “poñer en primeiro plano aos/ás desempregados/as, aos/ás despexados/as, aos/ás roubados polo capitalismo disfrazado de troika e representado polas outras forzas políticas a favor disto ou sen alternativas reais” e para esto é necesario establecer unha estrutura contributiva que provoque  que pague máis quen máis ten.

Redución nas taxas e prezos públicos

Segundo dixo Antón Bao “o Concello conta coa posibilidade de actuar vía ordenanzas integrando exencións e/ou bonificacións”.  O BNG pulará por que se introduzan exencións e bonificacións, aplicándoas aos/ás que máis sofren os efectos da crise: parados/as, rendas baixas, familias numerosas, discapacidades, etc... Bao engadiu que “por exemplo, pódese establecer unha redución do 100% da taxa de recollida de lixo por vivenda habitual, para o caso de parados, pensionistas, asalariados ou autónomos en función dos ingresos”. As medidas propostas polo BNG deberían aplicarse a taxas tipo auga, recollida lixo, sumidoiros e aqueloutras taxas ou prezos públicos susceptibles de contemplalas.

Outra das medidas a tomar irían encamiñadas a eliminar as inxustizas en materia de plusvalías nos trámites de transmisións patrimoniais. Antón Bao explicou que “se da o paradoxo de que este imposto de transmisións pode afectar directamente a persoas que estean afectadas por un despexo e, polo tanto, compre actuar neste imposto para evitar casos dese tipo”.  O BNG propón  eximir do pago da plusvalía a aquelas persoas vítimas de embargos hipotecarios ou despexos.

Creación de emprego

O BNG aposta por implantar bonificacións no Imposto de Actividades Económicas (IAE) para o mantemento do tecido empresarial no que afecta a autónomos e autónomas e á pequena empresa. Antón Bao dixo que “o BNG propón reducir o pago nun 50% para emprendedores menores de 35 anos, así como para mulleres e discapacitados/as”. Outra cuestión, segundo dixo Bao “consistiría en potenciar tamén outros proxectos produtivos colectivos como as cooperativas”. Neste caso o BNG propón reducir ao 50% a cota, ás Cooperativas de Traballo Asociado, Agrarias, de Explotación Comunitaria, de Ensino, de Vivenda, ás Sociedades Agrarias de Transformación...

No referente ao IAE o BNG pretende reducións en función de cuestións puntuais que afecten a empresas, comercios, hostalería, como son as obras na súa contorna. As bonificacións poderianse aplicar en función do tempo que dure a obra e así propóñense reducións do 20% no caso de obras con duración de 3 a 6 meses; redución do 50% no caso de obras con duración de más de 6 a 9 meses e reducións do 80% no caso de que a duración das obras sexa superior aos 9 meses.

Vivenda

En canto ás cargas contributivas sobre a vivenda para o BNG é necesario establecer maior xustiza contributiva ao gravar a multipropiedade ou o alugueiro soterrado de baixos e prazas de garaxe co obxectivo fundamental de mobilizar o amplo parque de vivenda baleira. O BNG propón que se incluan nas ordenanzas do 2014 reducións no IBI que teñan un claro criterio social e de reequilibrio fiscal a prol dos máis desfavorecidos.

O BNG propón, tamén, un recargo xeral para inmobles desocupados, estipulando criterios para entender a que se refire baleiros. Bao tamén explicou a proposta nacionalista para aplicar tres porcentaxes impositivos distintos ás vivendas diferenciando se son vivenda habitual, segunda ou terceira vivenda ou vivenda baleira. Por exemplo: vivenda habitual: 0,65%; segunda ou terceira vivenda: 1%; vivenda baleira: 1,5%.

Ademais os nacionalistas piden unha bonificación social é a rebaixa do 90% da cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) a desempregados/as, pensionistas, discapacitados/as e rendas baixas en función dos ingresos e polo tanto diferenciado en función da capacidade económica.

O BNG PROPÓN UNHA NOVA POLÍTICA CONTRIBUTIVA NO CONCELLO DE LUGO