O BNG QUERE SABER COMO SE REGULARÁN TODOS OS ASPECTOS QUE QUEDAN FORA DA NOVA ORDENANZA DE RUÍDOS
O grupo nacionalista presentou unha batería de preguntas e suxestións para aclarar dúbidas mellorar este documento
Para o BNG é fundamental garantir que os ruídos sexanr perfectamente regulados e que se recoñezan os dereitos das persoas
LUGO, 15 de abril de 2013. Mañá, martes, celebrarase unha nova reunión da comisión que analiza a Ordenanza Reguladora da Contaminación Acústica. O concello de Lugo xa tiña unha ordenanza de ruídos, que actualmente está vixente, mais resultaba necesaria a súa actualización. O goberno municipal presentou un borrador aos grupos políticos, asociacións de veciños e colectivos directamente afectados como o de hostaleiros para a súa análise antes de levala debate plenario.
Para o BNG é preciso que exista unha nova ordenanza que regule a emisión de ruídos xa que frecuentemente hai queixas que deben de ser atendidas e resoltas dende o concello. Segundo explicou a edil nacionalista, Paz Abrira, existen unha serie de aspectos que estaban contemplados na anterior normativa que non aparecen no borrador da nova ordenanza presentada polo goberno municipal. O BNG presentou unha batería de preguntas para aclarar esta cuestión.
Paz Abraira incidiu en que para o BNG é fundamental que os ruídos que se emitan no concello de Lugo estén perfectamente regulados e que se garantan os dereitos das persoas, tanto de quen desenvolve unha actividade, como das persoas que son receptoras deses ruídos e que deben ter garantido o seu dereito ao descanso. Abraira suliñou que o fundamental é garantir o dereito ao descanso das persoas. A nova ordenanza fala, tamén, de recintos ruidosos e o BNG preocupouse por saber a que se refire o texto da ordenanza con esta definición. O BNG quere saber, ademais, que sucede con aquelas instalacións que son emisoras de ruído e que non están vencelladas a hostalería.
A nova ordenanza que presenta o goberno municipal céntrase na produción e control de ruidos mentres que a ordenanza vixente trata outros moitos aspectos. O BNG quere saber cómo se van regular estes outros aspectos ou se van quedar fora da norma.Hai actividades que se desenvolven durante todos os días de xeito periódico que poden afectar de xeito continuo a veciños e veciñas. Hai outras actividades que son puntuais e tamén se deben regular pero deben ter unha consideración diferente.
Resulta relevante, segundo Paz Abraira, saber en que normativa galega ou estatal se basa o concello de Lugo para establecer os niveis de control sonoro pois hai cambios respecto dos límites vixentes, tamén hai cambios con respecto aos períodos nos que se pode producir ese ruído e engadiu que é interesante saber se con esta nova ordenanza o concello de Lugo está cumprindo con toda a normativa existente.
Participación social
Paz Abraira dixo que existe a necesidade de que a nova ordenanza conte, ademais de con unha comisión técnica, con unha comisión social na que se poida analizar a implantación da norma e facer as interpretacións e correccións que se consideren precisas. Para o BNG é fundamental coñecer cal é a opinión do sector da hostalería sobre esta normativa que lles afecta en gran medida. Paz Abraira explicou que estamos nun proceso previo, aínda que despois se abrirá un período de alegacións, e será moi positivo para o concello que sexamos capaces de consensuar, na medida do posible este documento con todos os axentes sociais afectados.