COSME POMBO TRASLADA O APOIO DO BNG AOS TRABALLADORES DE SEQUOR ACAMPADOS EN RÁBADE

COSME POMBO TRASLADA O APOIO DO BNG AOS TRABALLADORES DE SEQUOR ACAMPADOS EN RÁBADE

Cosme Pombo afirmou que “é incrible que sexa a propia Consellería de Traballo a que ignore os dereitos laborais destes traballadores”

Cosme Pombo critica a complicidade e a falta de implicación da Xunta de Galiza neste conflito, xa que a administración é a titular da contrata

Lugo, 12 de abril de 2013. Esta mañá, o deputado do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo, maila responsábel comarcal do BNG en Lugo, Esther López, visitaron aos traballadores da empresa Sequor que permanecen acampados diante do centro de menores Santo Anxo de Rábade para trasladarlles o apoio do BNG diante da súa inxusta situación. Esta mesma mañá os traballadores tamén participaron nunha concentración no edificio sindical, onde un delegado de Prosetecnisa realizaba unha xuntanza con Inspección de Traballo. Cosme Pombo afirmou que “a situación dos traballadores é dobremente dramática, porque ao feito de levar cinco meses sen cobrar, súmaselle a negativa da nova empresa a subrogalos e até que teñan unha sentenza xudicial favorábel poden pasar como mínimo outros cinco ou seis meses máis”.

Neste senso, os traballadores tampouco poden acceder a prestación por desemprego –pois non contan cunha carta de despedimento nin certificado da empresa a tal efecto- nin buscar outro traballo –xa que se comezasen a traballar noutra empresa perderían os seus dereitos, polo que están nunha situación de vulnerabilidade total.

O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado lucense, Cosme Pombo, xa presentou días atrás no Parlamento Galego unha batería de iniciativas relativas á situación dos traballadores da empresa adxudicataria do servizo de seguridade e vixilancia de diversas dependencias da Xunta en Lugo. Para Cosme Pombo, parlamentario do BNG, “é inadmisible que sexa a propia Consellería de Traballo a que ignore os dereitos laborais destes traballadores”. Todos os traballadores afectados prestaban os seus servizos en instalacións dependentes da Consellería de Traballo. Cosme trasladou ao Parlamento varias preguntas, unha interpelación e propostas non de lei para que a Xunta cumpra coa súa obriga e obrigue á nova empresa adxudicataria á subrogar os contratos dos 15 traballadores afectados.

O BNG dirixiuse ao Parlamento para saber se a Xunta vai tomar algunha medida para obrigar á nova empresa a cumprir coa lexislación vixente en canto á subrogación destes traballadores. Os nacionalistas tamén queren coñecer cal é a opinión da Consellería de Traballo de que unha empresa contratada pola súa propia Consellería pretenda incumprir a lexislación vixente en materia laboral, tras acceder a un contrato coa administración pública Galega. Pombo tamén se pregunta se “ten o Goberno da Xunta algún interese en que esta subrogación non se produza e cómo é posible que o resto de extraballadores de SEQUOR, que prestaban servizos noutras administracións e empresas, foran subrogados sen problema e os que estaban a traballar en centros da Xunta non o foran”.

A empresa de seguridade SEQUOR era até hai pouco a adxudicataria dos servizos de vixilancia no Centro de Menores Santo Anxo de Rábade, as residencias universitarias LUG-II e a Dirección Provincial do SERGAS, na provincia de Lugo con 15 traballadores. Ademais esta mesma empresa de seguridade tiña 3 traballadores que prestaban o servizo de seguridade na empresa Ingemarga. A totalidade dos traballadores cumpren cos requisitos recollidos en convenio para seren subrogados no caso de que a contrata sexa adxudicada a unha nova empresa.

A Xunta, ante os problemas da empresa SEQUOR, que se atopa en concurso de acredores e adebeda aos traballadores cinco nóminas, sacou de xeito urxente a licitación do servizo. A nova empresa de seguridade adxudicataria do concurso é, PROTECCIÓN Y SEGURIDAD TECNICA S. A. (PROSETECNISA). O que nun principio parecía a solución máis lóxica para resolver os problemas do servizo e do persoal, tense convertido nun novo foco de problemas para o persoal, xa que agora atópanse coa negativa de PROSETECNISA a cumprir coa súa obriga de subrogalos (Art. 14.-A do convenio). Todos os traballadores cumpren os requisitos e teñen legalmente recoñecido este dereito no convenio colectivo de aplicación.

A nova empresa adxudicataria alega que non lle chegou a documentación precisa e aduce tamén que non se quere facer cargo dos traballadores polas débedas que Sequor ten coa Seguridade Social e os traballadores. Neste momento,a situación dos traballadores é dobremente dramática, porque ao feito de levar cinco meses sen cobrar, hai que sumar a negativa da nova empresa a subrogalos. Neste senso, os traballadores tampouco poden acceder a prestación por desemprego. Están nunha situación de vulnerabilidade total e a Xunta, que é a administración titular da contrata, parece cómplice da vulneración dos dereitos dos traballadores.

COSME POMBO TRASLADA O APOIO DO BNG AOS TRABALLADORES DE SEQUOR ACAMPADOS EN RÁBADE