O BNG RECLAMA QUE SE CUBRA A PRAZA VACANTE DE MÉDICO EN CASTROVERDE

O BNG RECLAMA QUE SE CUBRA A PRAZA VACANTE DE MÉDICO EN CASTROVERDE

castroverdeO Centro de Saúde pode quedar con dous profesionais facultativos mentres, ata agora, eran tres os que viñan desempreñando as súas funcións en Castroverde 

Para o BNG “todo apunta a que a dirección do SERGAS non ten previsto cubrir a vacante que hai nete momento” 

Castroverde, 29 de outubro 2014.  O BNG presentará unha moción no pleno do concello de Castroverde para demandar, que coa máxima urxencia, se realicen as xestións oportunas diante da Dirección do Sergas para que se cubra de inmediato a praza de facultativo vacante no Centro de Saúde de Castroverde. Os nacionalistas esíxenlle ao alcalde que “poña todo o seu empeño en facer as xestións precisas para que os veciños e veciñas de Castroverde conten coa debida atención sanitaria”.

O voceiro do BNG, Pablo Ferreiro Tallón,  explicou que “recentemente a persoa que viña cubrindo esta praza de médico causou baixa, por motivo do seu traslado a un Centro de Lugo capital”.  Ata o momento eran tres os profesionais médicos que prestaban servizos no Centro de Saúde de Castroverde e agora esta plantilla viuse reducida a dous. A praza vacante aínda non foi cuberta e todo indica que a Xunta de Galiza, empeñada en seguir reducindo e desmantelando servizos básicos no medio rural, non ten intención de contratar un novo profesional para cubrir esta vacante.

Ferreiro apuntou que “con esta actitude, a Dirección do Sergas pretende deixar este centro de saúde só con dous médicos, para un concello de 3000 habitantes e con moitos núcleos rurais, cunha poboación envellecida, dunha idade media superior aos 50 anos, e que, de continuar con este plan de recortes, haberá persoas que se poidan atopar en situación de desprotección sanitaria, ao non poder acceder ás consultas médicas nas condicións máis idóneas, porque dous profesionais médicos só non poden dar atención acaída a unha poboación coas características que ten a do concello de Castroverde”.

“O Grupo Municipal do BNG entende que este é un feito grave, que incide en minorar aínda máis os xa cativos servizos que temos no medio rural, que favorece o desinterese por vivir nos concellos rurais e promove o seu paulatino despoboamento” afirmou o voceiro do BNG en Castroverde.

O BNG RECLAMA QUE SE CUBRA A PRAZA VACANTE DE MÉDICO EN CASTROVERDE