O BNG RECLAMA QUE SE MANTEÑAN OS ACHÁDEGOS ARQUEOLÓXICOS DE COESES

O BNG RECLAMA QUE SE MANTEÑAN OS ACHÁDEGOS ARQUEOLÓXICOS DE COESES

Cosme Pombo visitou as obras da autovía que ameazan estes restos, únicos en Galiza, e pediulle á Xunta que tomemedidas para evitar a súa desaparición

Os novos achádegos arqueolóxicos poderían dar luz á gran incógnita sobre o que facían os castrexos cos mortos

Lugo, a 6 de xuño de 2013. O Bloque Nacionalista Galego reclamou, unha vez máis, que a Xunta tome medidas para evitar a desaparición dos restos arqueolóxicos aparecidos nas obras da autovía na parroquia lucense de Coeses. O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, visitou esta mañá as obras da Autovía Lugo-Santiago. Tras a aparición de novos e importantes restos arqueolóxicos, nas excavacións feitas ao paso da autovía pola parroquia de Coeses, Cosme Pombo dixo que “estes restos, únicos en Galiza, poden dar luz sobre a eterna pregunta dos científicos, sobre a época castrexa, xa que se sabía onde vivían pero non onde morrían” xa que “poderían corresponder a unha tipoloxía necrópoles castrexas pouco estudiadas ata o momento.”. Cosme Pombo dixo que todos os achádegos conforman un xacemento único e que é responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio a súa conservación.

Pombo lembrou que xa no mes de febreiro deste ano o BNG presentou iniciativas no congreso dos deputados e no parlamento galego para interesarse por este tema. O Ministerio de Fomento non deu resposta, ata o momento, ás preguntas presentadas pola Deputada do BNG Rosana Pérez nas que reclamaba que o ministerio aclarase cales eran as súas intencións neste caso. Ademais Cosme Pombo presentou, no Parlamento Galego, unha serie de iniciativas encamiñadas a que a Dirección Xeral de patrimonio tomara cartas no asunto. Segundo Cosme Pombo “esta claro que non se trata de mover o trazado da autovía uns metros á dereita ou á esquerda xa que en toda a zona parece constatada a existencia dun importante xacemento”. Para o BNG, e dado o tempo que as obras levan paradas e o retraso que acumulan, “pódense buscar as alternativas necesarias para preservar o xacemento”.

Para o BNG resulta lamentable que un proxecto destas características non contemple a protección do noso patrimonio xa que a existencia do Castro era coñecida e recoñecida por técnicos, especialistas e a propia toponimía do lugar indica, claramente, a existencia dun lugar que debe ser considerado de alta protección. Segundo Cosme Pombo “esto pasa por facer os proxectos desde gabinetes de Madrid que nin se molestan en pisar o terreo e descoñecen a realidade do noso país”. Houbo xa dous cambios mínimos no trazado para evitar a destrución do Castro de Valente e da necrópole de icineración pero non se acometeu a desviación necesaria para evitar a destrución do xacemento que engloba a todo o xacemento de Coeses que está composto por un castro (Castro Valente), un recinto circular pechado por un parapeto (Chousa do Rodeiro ou Chousa do Castro) e unha necróple de inhumación.

O BNG RECLAMA QUE SE MANTEÑAN OS ACHÁDEGOS ARQUEOLÓXICOS DE COESES