O BNG RECLAMA MEDIDAS LEXISLATIVAS E SOCIAIS PARA FREAR OS DESAFIUZAMENTOS
O BNG mobilizouse diante da subdelegación do Goberno en Lugo esta tarde apoiando a convocatoria realizada por Stop Desafiuzamentos Lugo
O BNG esixe a paralización dos desafiuzamentos de forma inmediata antes de tomar medidas para realmente atender os casos máis dramáticos, e así evitar o desamparo das persoas e familias en situación económica extrema
Lugo, 4 de decembro de 2012. Unha delegación de cargos orgánicos e institucionais do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Lugo, así como a súa base de militantes e simpatizantes, encabezada polo responsábel comarcal, Mario Outeiro, apoiaron a mobilización convocada por Stop Desafiuzamentos Lugo diante da Subdelegación do Goberno en Lugo para reclamar ao goberno da Xunta de Galiza e do Estado medidas lexislativas e sociais para impedir os desafiuzamentos impunes que se están producindo. En primeiro lugar sería imprescindible unha paralización dos desafiuzamentos de forma inmediata antes de tomar medidas para realmente atender os casos máis dramáticos, e así evitar o desamparo das persoas e familias en situación económica extrema.
O PP ven de aprobar un Real Decreto que non modifica ningunha das leis que regulan as execucións hipotecarias, unhas leis que son totalmente abusivas e que condenan a demasiadas persoas á indixencia. Ademais inclúe medidas totalmente insuficientes coma a suspensión dos desafiuzamentos, pois só se aplica cando a vivenda sexa do banco, durante dous anos, en circunstancias económicas extremas e con intereses de demora. Para o BNG estamos ante un decreto claramente insuficiente e arbitrario que non da a resposta esperada pola maioría da sociedade. Entre as medidas propostas polo BNG está a demandar por parte da Xunta de Galiza ao Goberno do Estado que proceda á modificación da Lei Hipotecaria con carácter retroactivo, para dar solución ao grave drama social dos desafiuzamentos por impago das hipotecas, e que contemple medidas como a dación en pago.
A crise económica, onde a burbulla inmobiliaria tivo un papel fundamental, está a provocar un aumento desmesurado de desafiuzamentos con casos tan vergoñentos como de familias desafiuzadas cando a penas lles quedaban por pagar 6.000 ou 10.000 euros. O BNG considera inadmisible e totalmente inxusto que nunha sociedade democrática de dereito, todas as consecuencias da crise recaian sobre a parte máis vulnerable do contrato hipotecario e en cambio as entidades financeiras, grandes responsables da actual crise, reciban axudas millonarias que saen dos impostos, sen ter que asumir ningunha responsabilidade, ao mesmo tempo que seguen xerando miles de millóns de beneficios anuais. Os galegos e galegas sufrimos tamén este drama. Entre xaneiro e xuño deste ano a xustiza do Estado español ten autorizado en Galiza o desafiuzamento de máis de 3.000 vivendas ou negocios por non poderlle pagar ao banco, e téñense iniciado máis de 48.000 procesos de execución que pretenden o mesmo destino, en todo o Estado. En total, desde o principio da crise en 2007, son máis de 9.000 expedientes que afectan a familias galegas que conteñen auténticas traxedias humanas e incluso suicidios, no caso do Estado.
As reunións que se produciron en novembro entre PP e PSOE polos motivos tráxicos que todos sabemos non poden ocultar que, en reiteradas ocasións desde marzo de 2011, os dous partidos opuxéronse ás alternativas subscritas polo BNG no Congreso dos Deputados para frear o drama dos desafiuzamentos e estabelecer a dación en pago. De nada valen lamentos e panos quentes a un problema que esixe medidas contundentes, modificacións na lexislación hipotecaria e solucións claras e firmes.
A banca, que ten recibido miles de millóns de diñeiro público para sanear as consecuencias das súas aventuras inmobiliarias, non quere adoptar medidas voluntarias para resolver este problema. Nestes momentos de crise non concede créditos á cidadanía nin ao empresariado autónomo, pequeno ou mediano, pero en cambio son intransixente nas sumarias execucións hipotecarias que deixan na rúa familias enteiras sen contemplacións. Por iso, o BNG insta á Xunta de Galiza a crear unha bolsa de vivenda social, esixindo das entidades bancarias e de aforro que as vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte da mesma para o aluguer social ou venda a prezo taxado.