O BNG RECLAMA UNHA TARIFA ELÉCTRICA PROPIA PARA GALIZA POR SER UN PAÍS EXCEDENTARIO
Os nacionalistas levarán unha iniciativa ao vindeiro pleno do concello de Lugo para reclamar pedindo que en Galiza se reduza nun 30% o prezo da enerxía eléctrica
Somos grandes produtores e non recibimos nada a cambio dixo Paz Abraira que explicou que Galiza exporta entre un 30 e un 40 % da enerxía que produce
Lugo, 10 de decembro 2014. O BNG pedirá no concello de Lugo unha tarifa eléctrica propia para Galiza. Os nacionalistas levarán unha iniciativa ao vindeiro pleno do concello de Lugo para reclamar pedindo que en Galiza se reduza nun 30% o prezo da enerxía eléctrica. A voceira do BNG no concello de Lugo dixo que somos grandes produtores e non recibimos nada a cambio dixo Paz Abraira que explicou que Galiza exporta entre un 30 e un 40 % da enerxía que produce.
Abraira explicou que o sector enerxético ten para Galiza un valor estratéxico, polo que representa no seu Produto Interior Bruto e por ser un factor relevante para a produción industrial. A pesar desa importancia, Galiza apenas contou con capacidade para deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia, orientada a un aproveitamento endóxeno dos seus recursos enerxéticos. Para o BNG as decisións adoptadas polas empresas eléctricas, que actúan en réxime de oligopolio a través dos seus centros de decisión afastados de Galiza, nunca supoñen vantaxes para Galiza e mesmo sofre en amplas zonas do país unha deficiente calidade da subministración eléctrica.
O feito de que estemos sometidos a un marco regulatorio e tarifario común en todo o Estado español lévanos a situación como a que se está a dar nas factorías de Alcoa sinalou Paz Abraira. Desde a supresión en 2009 da tarifa G4, que era específica para empresas como ALCOA, até a regulación do sistema de interrompiblidade, cuxo sistema de poxa anual implantado polo PP desde finais de 2013, a través da nefasta reforma eléctrica, supón un modelo perverso pola súa cadencia anual, o que implica que moitas empresas non realizarán investimentos de modernización nas súas factorías ao non teren un sistema tarifario estábel. Mesmo afecta á competencia leal, pois provoca que empresas do mesmo sector produtivo podan ter prezos moi diferentes de electricidade.
No Estado español impúxose o criterio dun sistema eléctrico único e de tarifa única, prexudicial para Galiza ao tratar por igual aos consumidores dos distintos territorios, sen ter en conta a súa achega como produtores de enerxía. Abraira dixo que é relevante o prezo da electricidade no mercado maiorista (ou pool), que retribúe do mesmo xeito sempre ao prezo da máis cara, a todas as tecnoloxías de xeración que funcionan en cada hora do día, sen distinguir os custos reais de produción, o que provoca uns hiperbeneficios para determinados sistemas, en concreto a hidráulica e a nuclear, o que provoca unha suba artificial dos prezos.
Non so pagamos a eléctricidade
Paz Abraira explicou que cando pagamos a factura eléctrica estamos a pagar outros conceptos que nada teñen que ver co pago da electricidade. Así os galegos e galegas pagamos, por exemplo, peaxes de solidariedade interterritorial, como é o caso dos custos extrapeninsulares (Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla) que, no ano 2013, foron de 1.800 millóns de euros, cantidade pagada vía tarifas eléctricas. Tamén se incluen no pago das facturas eléctricas: custos extrapeninsulares, primas de capacidade, primas carbón español, moratoria nuclear, primas renovábeis, etc.,. Partidas que debería estar nos orzamentos do Estado español. Sería máis xusto fiscalmente e rebaixarían o prezo final da tarifa eléctrica sinalou Abraira.
O caso de Euskadi
O escenario de tarifa eléctrica diferenciada non é o único que existe en Europa ou nos USA. Tamén no caso do Estado español, na actual proposta de peaxes eléctricos realizada polo Goberno central, logo dun pacto co Goberno de Euskadi, recolle o cambio de definición das redes de alta tensión para que teñan collida unha parte moi significativa da rede de distribución vasca, que neste caso é singular, o cal vai permitir a partir de 2015 uns prezos máis baixos para a industria de EuskalHerria, nunha rebaixa que se estima nun 15% nas peaxes e nun 12,5% no termo de enerxía.