O BNG RECLAMARÁ NA DEPUTACIÓN A DEVOLUCIÓN DOS AFORROS DOS AFECTADOS POLAS PREFERENTES

O BNG RECLAMARÁ NA DEPUTACIÓN A DEVOLUCIÓN DOS AFORROS DOS AFECTADOS POLAS PREFERENTES

Dende o BNG insístese en que coa débeda pública coa que será financiado o Sareb máis os 500 millóns dos que disporá para derrubar inmóbeis e estruturas abondaría para pagar aos afectados polas preferentes

Antonio Veiga pide ao Goberno central que deixe de escudarse en Europa para non devolver os aforros de milleiros de cidadáns porque é unha cuestión do Estado

Os nacionalistas solicitan que se paren os desafiuzamentos e que as vivendas das entidades de crédito sexan transferidas ás CCAA para convertelas en vivendas de promoción pública en réxime de aluguer

Lugo, 22 de decembro de 2012. O responsábel do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na comarca de A Mariña, Antonio Veiga, anunciou, hoxe, que o grupo provincial da formación nacionalista defenderá, no pleno da Deputación do vindeiro mércores, unha moción na que se insta ao Goberno do Estado a modificar a política de reestruturación do sector financeiro que está acometendo atendendo ás recomendacións da Comisión Europea e o Fondo Monetario Internacional e que “está provocando que a sociedade asuma as perdas dos bancos e das caixas, centralizando o control do diñeiro nos territorios máis desenvoltos e concentrando a riqueza en poucas mans”.

Segundo Veiga “a reestruturación bancaria estase a converter nunha trampa mortal para o pobo a través das inxeccións masivas de capital público ás entidades de crédito, as cales recibiron máis de 300.000 millóns procedentes do Fondo de Adquisicións de Activos Financeiros, do Fondo de Garantía de Depósitos e do Frob, así como pola  expropiación dos aforros de milleiros de galegos e galegas afectados polas participacións preferentes e o capital subordinado e a conversión da débeda das entidades financeiras en débeda pública. Todo isto, decreta despedimentos masivos, o feche de negocios, a execución de desafiuzamentos e importantes limitacións para acceder ao crédito, o que non hai dúbida de que lastrará a recuperación económica”.

Por todos estes motivos, o Grupo Provincial do BNG demandará o apoio do resto de partidos con representación na institución para aprobar a moción na que se insta ao Goberno do Estado a que arbitre os mecanismos legais necesarios para devolver a todos os aforradores o diñeiro depositado en produtos financeiros tóxicos e á Xunta a que recorra xudicialmente a imposición da quita de entre o 40 e o 50 por cento. “O Goberno debe deixar de executar este atraco co que está a favorecer a recuperación dos bancos pero non a recuperación das familias ás que cada día afoga un pouco máis con novas subas de impostos e taxas. Igual que se cambian leis para favorecer ás entidades financeiras, solicitamos que se paren os desafiuzamentos e se modifique a lexislación hipotecaria para establecer a dación en pago”.

Veiga amosouse especialmente crítico coa xestión dos directivos das caixas que deron orixe a NCG Banco e insistiu en que “as cifras que sitúan o desfase patrimonial  en -3.091 millóns de euros e que o groso das promocións das dúas caixas, que se nutrían do aforro de todos os galegos e das galegas, se concentren na zona do Levante, evidencian a nefasta xestión realizada. NCG Banco traspasou á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) máis inmóbeis no municipio toledano de Seseña, 78, que de toda a provincia de Lugo, de onde pasou 10”.

“O paro e a vivenda – concluíu o deputado provincial-  son dous dos principais problemas do país, polo que dende o BNG expresamos a nosa oposición aos despedimentos masivos  en NCG Banco e esiximos ao Ministerio de Economía que as vivendas das entidades de crédito que pasen a titularidade do Sareb sexan transferidas ás comunidades autónomas para a súa conversión en vivendas de promoción públicas en réxime de aluguer. Coa débeda pública coa que será financiado o Sareb máis os 500 millóns dos que disporá para derrubar inmóbeis e estruturas, sería suficiente para pagar aos afectados polas preferentes. O Goberno ten que deixar de escudarse en Europa para non devolver os aforros dos que se está apropiar xa que é unha cuestión que depende de España”.

O BNG RECLAMARÁ NA DEPUTACIÓN A DEVOLUCIÓN DOS AFORROS DOS AFECTADOS POLAS PREFERENTES