O GRUPO PROVINCIAL DO BNG REÚNESE CON AFECTADOS DAS PREFERENTES E TRABALLADORES DE NCG BANCO
Mario Outeiro anuncia a presentación dunha moción na que se insta ao Goberno central a modificar a política de reestruturación do sector financeiro coa que obriga ao pobo a asumir as perdas de bancos e caixas
Dende o BNG insístese en que coa débeda pública coa que será financiado o Sareb máis os 500 millóns dos que disporá para derrubar inmóbeis e estruturas abondaría para pagar aos afectados polas preferentes
Os nacionalistas solicitan que se paren os desafiuzamentos e que as vivendas das entidades de crédito sexan transferidas ás CCAA para convertelas en vivendas de promoción pública en réxime de aluguer
Lugo, 20 de decembro de 2012. O responsábel do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na comarca de Lugo e portavoz da organización na Deputación, Mario Outeiro, mantivo, esta tarde, un encontro con representantes dos afectados polas participacións preferentes, e dos traballadores de NCG Banco para presentarlles a moción que a formación nacionalista defenderá no pleno da institución provincial, que se celebrará o vindeiro mércores, 26 de decembro, na que se insta ao Goberno do Estado a modificar a política de reestruturación do sector financeiro que está acometendo atendendo ás recomendacións da Comisión Europea e o Fondo Monetario Internacional e que está provocando que a sociedade asuma as perdas dos bancos e das caixas, centralizando o control do diñeiro nos territorios máis desenvoltos e concentrando a riqueza en poucas mans.
Segundo Outeiro a reestruturación bancaria estase a converter nunha trampa mortal para o pobo a través das inxeccións masivas de capital público ás entidades de crédito, as cales recibiron máis de 300.000 millóns procedentes do Fondo de Adquisicións de Activos Financeiros, do Fondo de Garantía de Depósitos e do Frob, así como pola expropiación dos aforros de milleiros de galegos e galegas afectados polas participacións preferentes e o capital subordinado e a conversión da débeda das entidades financeiras en débeda pública. Todo isto, decreta despedimentos masivos, o feche de negocios, a execución de desafiuzamentos e importantes limitacións para acceder ao crédito, o que non hai dúbida de que lastrará a recuperación económica.
Por todos estes motivos, o Grupo Provincial do BNG demandará o apoio do resto de partidos con representación na Deputación para aprobar unha moción na que se insta ao Goberno do Estado a que arbitre os mecanismos legais necesarios para devolver a todos os aforradores o diñeiro depositado en produtos financeiros tóxicos e á Xunta que recorra xudicialmente a imposición da quita de entre o 40 e o 50 por cento. O Goberno debe deixar de executar este atraco co que está a favorecer a recuperación dos bancos pero non a recuperación das familias ás que cada día afoga un pouco máis con novas subas de impostos e taxas. Igual que se cambian leis para favorecer ás entidades financeiras, solicitamos que se paren os desafiuzamentos e se modifique a lexislación hipotecaria para establecer a dación en pago.