CONCENTRACIÓN DO BNG DIANTE DA DEPUTACIÓN BAIXO O LEMA: REFORMA DOS CONCELLOS:RUINA PARA A CIDADANIA
O BNG amosa, con esta acción, o seu total rexeitamento á proposta de reforma da administración local
Para os nacionalistas esta reforma pretende concentrar os servizos para entregalos, como negocio, ás grandes empresas
LUGO, 14 de novembro de 2013. O BNG convocou unha concentración, diante da Deputación de Lugo, baixo o lema REFORMA DOS CONCELLOS: RUINA PARA A CIDADANÍA. Esta concentración foi convocada polos nacionalistas por mor do debate, no Congreso dos deputados, das emendas parciais á reforma da administración local. Segundo Mario Outeiro, deputado provincial e concelleiro no Corgo o BNG mantivo e manterá a posición de rexeitamento frontal a esta reforma da FEGAMP que os/as deputados do PP, unha vez máis, non asumirán para se someter ás directrices do goberno de Mariano Rajoy. A concentración foi secundada por militantes e simpatizantes do BNG que estiveron acompañad@s de cargos orgánicos e institucionais da formación frontista.
O BNG denuncia que a intención desta reforma é a de concentrar os servizos para privatizalos. Na súa intervención, Mario Outeiro asegurou que a reforma contempla moitos apartados negativos para os habitantes dos concellos do noso país aínda que, dende o PP, so se está a trasladar a mensaxe de que esta reforma vai dirixida a regular os salarios dos alcaldes. Un exemplo é a retirada dos servizos sociais que son xestionados dende os propios concellos e esto supón un grande beneficio para as persoas pola proximidade que lles garante. A reforma fará practicamente inviable que os concellos poidan prestar servizos como as actividades de ámbito cultural, deportivo, gardería, centros de día, residencias para maiores, etc...
Os nacionalistas pretenden advertir sobre o perigo que supón a anunciada reforma da administración local para todos os concellos de menos de 20.000 habitantes que en Lugo son todos menos os da capital. Para o concelleiro do BNG no Corgo e Deputado Provincial, Mario Outeiro, resulta inaceptable que o PP impoña esta reforma nun proceso cabo sen debate previo e sen ningún consenso. Outeiro afirmou que practicamente todos os alcaldes son contrarios a esta reforma independentemente da súa cor política, incluso os do PP que falan coa boca pequena.
Centralización
Para Mario Outeiro esta reforma está centrada na aplicación de dous principios básicos para o PP como son a centralización e a privatización. Unha centralización a nivel estatal que lles roubará competencias aos concellos e aos gobernos autonómicos, reforzando as deputacións e alonxando os servizos das persoas. Un proceso de centralización que, segundo Mario Outeiro, se ve reflexado tamén na eliminación dos partidos xudiciais, o baleirado de competencias das delegacións de facenda da vilas, ou a creación das áreas de xestión integrada sanitaria.
Privatización
Segundo Mario Outeiro con esta centralización dos servizos nas deputación o PP tentará poñerlle en bandexa ás grandes empresas privadas os servizos que agora veñen prestando os concellos. Trátase dunha privatización de servizos obrigada por esta reforma da administración local. Para Outeiro a reforma levará, no caso de Lugo, a algo que está no ADN do PP que é a desertización do rural. Converterán a provincia de Lugo nun gran parque natural sen persoas.
Finanzamento Local
Esta reforma non implica para nada o finanzamento da administración local atendendo aos datos de envellecemento e dispersión. O concellos galegos teñen menos ingresos por habitante que os do resto do estado. O PP está obsesionado co control do deficit e os concellos non son os que provocaron o disparo da débeda pública e polo tanto non son eles os que teñen que pagar o déficit e o saneamento da banca privada.
Mario outeiro lembrou que o endebedamento do estado non é responsabilidade dos concellos xa que 600 mil millóns de euros corresponden á débeda do estado, 150 mil millóns de euros corresponden á débeda das comunidades autónomas e somentes 36 mil millóns de euros corresponden á débeda dos concellos, dos cales 6.500 millóns é a débeda do concello de Madrid que goberna o PP.