O CONSELLO LOCAL DO BNG PIDE QUE SE MANTEÑA O USO PÚBLICO DO EDIFICIO DO HOSPITAL DE SAN XOSÉ
Os nacionalistas reclaman que o edificio sexa cedido ao concello para que os espazos do edificio poidan ser utilizados por asociacións
O BNG realizará unha campaña entre o tecido asociativo para evitar que este edificio perda o seu carácter público
Lugo, 8 de febreiro de 2013. O consello local do BNG acordou, na súa última xuntanza, iniciar unha campaña para reivindicar a titularidade e o uso público do edificio que foi o hospital de San Xosé. Alexandre Penas asegurou que o BNG inicia esta campaña despois de escoitar as propostas que outras forzas teñen para este edificio que supoñen poñelo en mans da iniciativa privada. Nesta campaña o BNG contactará con colectivos e asociacións para tratar de abrir un debate social entre a cidadanía lucense sobre o futuro e os usos de este espazo. Con esta campaña o BNG toma a iniciativa sobre este espazo para garantir o seu uso público e promover que reverta nos lucenses e no movemento asociativo.
O BNG propón que este espazo ten que seguir sendo de uso social e público, xa que se trata dun espazo privilexiado para estes fins. Alexandre Penas dixo que descartamos de plano calquera venda ou uso privado, non xa pola súa manifesta inviabilidade no momento actual, se non porque consideramos que é un ben de dominio público e tendo en conta as diferentes demandas do tecido asociativo de Lugo e o deficit de servizos sociais públicos céntrico. Penas engadiu que consideramos que o edificio ofrece moitas posibilidades para instalar diferentes servizos e convertelo nun complexo multifuncional onde estean tanto servizos públicos de carácter social e cultural.
O actual responsable de acción social do BNG de Lugo, Antón Somoza, defendeu que no edificio se habiliten espazos para o tecido asociativo e se creen salas de uso multidisciplinar para o seu uso pola cidadanía. Os nacionalistas pretenden que todos as persoas e colectivos sociais, culturais e de diversa índole defendan a titularidade pública deste edificio que é de todos os lucenses. Somoza lembrou que houbo por parte tanto do PSOE como do PP iniciativas para vender ou ceder este espazo a distintas empresas para a súa utilización hoteleira ou incluso un Parador e lembrou que o edificio leva dous anos baleiro con custes de mantemento e sen ningunha rendibilidade social.
Cesión de edificios da Deputación ao Concello
O Hospital de San Xosé está sen uso desde xaneiro de 2011 e é propiedade da Deputación de Lugo. Tratase dun edificio construído no ano 1934 e cuxa parcela ocupa 21.564 metros cadrados, e o edificio do antigo hospital 10.447. O BNG plantexa que a titularidade do edificio debe de pasar a ser do concello. Pola súa banda a Deputación ocupa, por cesión, edificios propiedade do Concello onde ten ubicado diferentes servizos. Un destes casos é o complexo de edificios do antigo Hospital de Santa María, onde están ubicados o Centro de Artesanía e Deseño, o antigo Inludes, e outros servizos. Para o BNG o máis razonable sería a permuta entre estes dous espazos entre o Concello e a Deputación, de maneira que o Concello asumiría o Hospital de San Xosé e a Deputación mantería as súas instalacións con titularidade propia.